«CINZAS DO TEMPO» (prosa e prosa poética) (en elaboración)

Ó PISAR TERRA GALEGA (ALALÁ)

Alegría de estar aquí,
xurre xurre das tellas,
alalá dun costume
franxido por unha quimera.
Risos, berros e foliadas
resoan nas tabernas,
ninguén sabe porque brindan,
ao mellor afogan as penas.
Acorrido por este embruxo
saio toliño dunha delas,
a choiva lava o meu peito,
armonía e paixóns cheas.
O valume dos meus pasiños
resoa nos soportais e tendas,
todo é música de murrias
nestas santiñas pedras.
Santiago de ceo e paz,
vello aroma a madeira,
mañás con deixe a Gloria,
seriñas a paseo e Alameda.
Santiago, non me censures,
os meus ollos xa che deixan,
ninguén se pode imaxinar
o que doen as ausencias!
Un fado e dous espiritos,
e no xeito cen doenzas
é o sentir dun galego
que se alonxa da súa terra!

Visitas: 0

POÉTICA

Un latexo inmenso traza a miña loita. Aseméllome a unha trincheira ateigada de galegas imaxes, asulagado nun tempo sen veas son un buril. Toda letra que a tentas remexo, despois dunha afincada contenda, vólvese unha madeixa de versos ó fin. Defendo as miñas crenzas, defendo a fe dos meus, defendo o arume da nosa terra, creo na vida sen medos nin baldíos buracos, por cima desta e mil loitas. Síntome coma un océano no medio do chan, síntome coma un náufrago sen siquera pan, sinto… cada verba coma un deus da memoria que orballa nas mans, e nun poema, antonte baleiro, doulle, iso creo, o seu verdadeiro temprar.

Visitas: 1

A PAISAXE GALEGA

A paisaxe galega, natureza feiticeira, ten un xorne sen dúbida feminino. A donosura que sinte o home por esta terra é desenfreada, case voluptuosa. Os montes como seos e cadeiras de muller, a vizosa guedella dos castiñeiros sempre florida; e os piñeiros, os piñeiros embrullados de bo grado a un corpiño de aluados soños.

E na metade deste feitizo con recendo a terra mollada e a manseliño clima, Santiago de Compostela, corazón peregrino das almas asuradas, e nos arredores, A Maía, feraz val de macelas e saborosos aturuxos e Vedra, co seu Pico Sacro facendo maxia coa súa raíña na súa cúspide.

Un galego fora da súa Galicia é un home punxido e atolado, é un home ó que lle falta un anaco do seu existir: o padexo co fogar do Breogán.

Galicia non hai máis que unha. É senlleira, lugar común, mais non por iso sinxelo e xangal. Sempre que retorno, abalado e acorado pola veciña saída, un milleiro de imaxes apíñanse nas miñas vidallas e unha millenta de gamelas nadan na miña pel envernesida.

Galicia refulxe sen finximento, Galicia recóllete no seu colo con xeito, coma un rapaz fartándose de brancas ilusións.

Galicia é un ledo verdeal de sosego e horizontes salvavidas, no cal camíñase devagariño e séntese a morna caricia da súa estivada campiña.

Galicia invítate a amar embaixo das estrelas e a engulipar ó refolgo da súa lentura, invítate a falar dela coma se a choiva fundese versos, prados e sentimentos nunha borbulla preta de aturuxados desexos.

Galicia folga nas escuriñas das miñas paredes escarvaladas, pon teito no meu desafogo cunha infinidade de sorrisos mollados, e alén diso aturúlame a cotío que xa chegou o tempo de voltar á forxa onde nacín. (A solución a esta adiviña só é cuestión de tempo.

Polo de hoxe, xa canta o eixe do carro. Alá vai este poemario na lingua nai cos pes enxoitos e sen cansarme.

Visitas: 0

LIMIAR PARA «CINZAS DO TEMPO» (prosa e prosa poética)

Din os especialistas que hai libros que non se escriben para deter o tempo, porque saben que iso é imposible. Escríbense para conservar a súa pegada, para recoller entre as mans ese pouso que queda cando os días pasan e a vida, silenciosamente, fai o seu traballo. Ese pouso son as cinzas.

As cinzas non son só o remate do lume. Son tamén a súa memoria. Gardan a calor que existiu, a luz que un día iluminou os rostros, as palabras pronunciadas arredor da mesa, os camiños percorridos, as perdas e tamén as pequenas alegrías que, sen facer ruído, foron construíndo unha existencia.

Os poemas e textos que compoñen este libro nacen desa conciencia. Non pretenden reconstruír o pasado nin idealizalo. Miran cara a el coa serenidade de quen sabe que toda lembranza é, ao mesmo tempo, presenza e distancia. O tempo leva cousas, mais tamén nos entrega unha forma máis fonda de comprendelas.

Hai nestas páxinas unha conversa constante coa memoria, coa paisaxe, coas voces que permanecen cando xa non poden ser escoitadas e coas emocións que regresan sen avisar. A natureza, a casa, os camiños, a luz cambiante das estacións ou o rumor dos días convértense aquí en espellos da condición humana. Todo parece dicirnos que nada desaparece de todo mentres alguén conserve a capacidade de lembrar.

Cinzas do tempo é un título que invita á contemplación. Porque as cinzas non falan da derrota, senón da permanencia. Son a proba de que existiu un lume. Do mesmo xeito, cada poema é a pegada dun instante vivido, dunha emoción que resistiu ao esquecemento e atopou na palabra un lugar onde permanecer.

O lector non atopará aquí respostas pechadas nin certezas absolutas. Atopará, talvez, compañía. A que ofrecen os libros capaces de sentar ao noso lado sen interromper o noso propio diálogo coa memoria. A poesía cumpre entón a súa misión máis fonda: non conservar o tempo, senón devolverlle sentido ao que o tempo deixou tras de si.

Porque todos levamos algunhas cinzas gardadas na memoria. E, ás veces, abonda unha palabra para que volvan prender, non como incendio, senón como esa luz mansa que nos permite comprender quen fomos e, sobre todo, quen seguimos sendo.

Visitas: 0

AS RÚAS

Deixade sereas ás rúas,  deixádevolas. Nelas durmen séculos de historia, dende un pasado ossiánico enchido de acibeches, ata un futuro entallado polo orballo desta dadiveira terra. As súas pedras recenden un cheiro de fontes e romeiros, e manseliño un regueiro de xemas convídanos a disfrutar dun desexo no interior da túa pel canela.

Visitas: 0

CRUCEIRO

Naciches pétreo, ferinte e sublime nunha encrucillada de camiños, e de contado collín a túa memoria, abandonada e soliña pola zuna dos homes. Sentado no colo da túa longa ferida, prégoche, fillo da terra de Breogán, prégoche desvalido e choroso, coma bolboreta no cru inverno, como can que esqueceu a lume do seu lar. Deitado á beira da túa sombra e aliviado o corazón pola túa fala agarimosa, vaise enterrando, debaixo dun: anaco de santiñas verbas, este lento veleno que coma un río de tristura aceda asolagaba, suco a suco, o meu sorriseiro cantar de estrelas.

Visitas: 0

CAMPÁS DE BASTAVALES

Gateiro de núas baladas, o teu baio son abre un fecundo furado na tristura do meu ser. Repenican ao xeito, paseniño, compasando o meu rebulido xarope  coma se descansara nun apracible xuntar. Escoitémolas. Tan, tan, tan… Unha carballeira de intensas lembranzas espállase polo meu interior, eunhamorea de limpas alboradas ínchase no colo do meu bregar. Escoitémolas. Tan, tan, tan…

Visitas: 0

ROMARÍA DE SAN RAMÓN (O Tremo, 1975)

Pasou o día, pasou a romaría.
Carriza que medra ancorada a unha fría e lexendaria  pedra, carriza que serpea sen rosear por bermellas tapias, e máis en lilaino recordo esmaíase. Todo, inclusive o noso tempo, detense. Un relampo de remirados cariños e furtivas promesas acurúxase na miña memoria. De certo, non hai recompensa. Por máis que espigas e lentas terras me alumeen, por moito que unha ducia de doces biquiños péndase da miña estrela, nadiña, ningun riso de fogo quente bótase na miña fulxente xesteira.

Visitas: 0

NOITIÑA NA PEREGRINA

A fresquiña claridade do serán derrámase por este paraxe senlleiro e singular. Silencio, sangría do corazón. Observo a herba mainiña, a limpa liña do roxo horizonte e mailo buraquiño ferido daquela ausencia. Unha penumbra chea de flores e mais un sosego que antano foron meus bendicen tódolos recunchos deste agarimoso lugar. Que non se bote a perder esta paisaxe!, cheira a terra ahondo orballada e a resina de castiñeira, a beizos de tomiño e a ramiñas das cerdeiras. Silencio, o corazón volve a sangrar.    Silencio, xa é noite pecha, xa anoiteceu, sosego e repouso polo miúdo nesta colleita praia sen mar.

Visitas: 0

LÚA CHEA

Unha e mil tardes deitado nunha cañeira de herba fresca, uns nidios ollos no medio da néboa intensa, un amencer cumprido de querenzas e unha voz falándome: lúa chea. ¿Queredes máis lembranzas ¿queredes máis vivencias? Escoitade, acompañádeme nesta andaina luxada de tebras moi mestas, neste sendeiro rebordante de inmortais lendas, neste nubrado espello de augas quedas; deste xeito poderedes atoparvos no meu enchente interior unha fogueira que é lume e non queima.

Visitas: 0

POSTAL CAMPESTRE

Teño diante miña unha paisaxe verdemar, unha espiga dourada e dun paxaro o seu chiar. Unha voz de ferro tómame nun volcán, o seu son fálame dun venerable lugar, de fontiñas e de néboas e dun sereniño xurrar. Da súa luz e galanía non che podes liberar, pois maxina a ledicia con afinada e firme man, bronce da miña paz, incenso do meu sangrar.

Visitas: 0