A PAISAXE GALEGA

A paisaxe galega, natureza feiticeira, ten un xorne sen dúbida feminino. A donosura que sinte o home por esta terra é desenfreada, case voluptuosa. Os montes como seos e cadeiras de muller, a vizosa guedella dos castiñeiros sempre florida; e os piñeiros, os piñeiros embrullados de bo grado a un corpiño de aluados soños.

E na metade deste feitizo con recendo a terra mollada e a manseliño clima, Santiago de Compostela, corazón peregrino das almas asuradas, e nos arredores, A Maía, feraz val de macelas e saborosos aturuxos e Vedra, co seu Pico Sacro facendo maxia coa súa raíña na súa cúspide.

Un galego fora da súa Galicia é un home punxido e atolado, é un home ó que lle falta un anaco do seu existir: o padexo co fogar do Breogán.

Galicia non hai máis que unha. É senlleira, lugar común, mais non por iso sinxelo e xangal. Sempre que retorno, abalado e acorado pola veciña saída, un milleiro de imaxes apíñanse nas miñas vidallas e unha millenta de gamelas nadan na miña pel envernesida.

Galicia refulxe sen finximento, Galicia recóllete no seu colo con xeito, coma un rapaz fartándose de brancas ilusións.

Galicia é un ledo verdeal de sosego e horizontes salvavidas, no cal camíñase devagariño e séntese a morna caricia da súa estivada campiña.

Galicia invítate a amar embaixo das estrelas e a engulipar ó refolgo da súa lentura, invítate a falar dela coma se a choiva fundese versos, prados e sentimentos nunha borbulla preta de aturuxados desexos.

Galicia folga nas escuriñas das miñas paredes escarvaladas, pon teito no meu desafogo cunha infinidade de sorrisos mollados, e alén diso aturúlame a cotío que xa chegou o tempo de voltar á forxa onde nacín. (A solución a esta adiviña só é cuestión de tempo.

Polo de hoxe, xa canta o eixe do carro. Alá vai este poemario na lingua nai cos pes enxoitos e sen cansarme.

Visitas: 0