«CANDO CHOVE POR DENTRO» (prosa poética) (rematado)

SEIS COPLAS GALEGAS CON RETRANCA

Morreron xa os camiños,
agora só medran as casas;
ninguén hoxe pode dicir
se mañá teremos castañas.

A raíz do toxo verde
é moi mala de arrincar;
carballo que medra torto
non se pode endereitar.

Se queres que o carro cante,
compañeiro, meu veciño,
se queres que o carro cante,
móllale o eixe no río.

Cando o Pico Sacro
cobre o seu capelo,
raparigas do Ulla,
cubride o mantelo.

Señor cura, señor cura,
cómase cedo o roscón,
que teño na man un pao
pra lle limpar o panarrón.

Tódolos que «cantan» ben
teñen «posto» no muíño,
os que no saben «cantar»
miran por un buraquiño.

Visitas: 0

O ABRAZO

Abrazáronse coma se o inverno dependese deles, coma se a calor humana puidese deter a neve. Nese instante foron primavera: brotaron sorrisos, floreceron os seus medos, derretéronse as distancias. Pero a estación pasou. E o frío volveu sen pedir permiso. O abrazo quedou como un xardín secreto na memoria.

Visitas: 0

SÁBADOS

As tardes dos sábados no cine sabían a flocos de millo, a ambientador barato, a abrazos furtivos, ás pasadas da lanterna do acomodador, a bicos roubados, a mans agochadas…  Son testemuñas de caricias inexpertas e soan a banda sonora: ás veces de estrea, outras —as máis— xa coñecidas. Non hai maneira de comezar sen fronteiras.

Visitas: 0

O ESCRITOR

O escritor, canso de tantos contratempos emocionais, reflexiona. Examina o seu pasado. Busca culpables aos seus fracasos amorosos. Obcécase nunha educación que non o impulsou a formar unha familia, senón a permanecer, con plena liberdade de acción, na intocable casa-refuxio paterna. Un ser pusilánime que é incapaz de emprender unha aventura en solitario e bótalle a culpa a todos menos á súa eterna molicie.

Visitas: 0

O CRISTAL

Ela díxolle «quérote» con medo, como quen entrega un cristal que coidou toda a vida. El respondeu «eu máis» con présa, como quen o deixa caer sen mirar atrás. O amor, tan fráxil como transparente, rompeu no chan da indiferenza. Ela recolleu os anacos soa, mentres el seguía camiñando, sen escoitar o ruído da rotura.

Visitas: 0

NACE PARA TI

Este espazo nace porque hai una muller que me desordena o mundo. Non o digo con metáforas suaves nin con frases que pretenden quedar ben: falo dunha presenza que me atravesa, que me altera, que me fai sentir vivo dun xeito que non esperaba. Cada vez que se achega, algo en min esperta cunha intensidade que non sei disimular, por moito que o intente. Intensidade física i emocional. Hai persoas que pasan pola vida sen deixar rastro. Ela non. Ela chega e o aire cambia. A súa proximidade ten unha forza que me rompe as defensas, unha enerxía que me empurra a dicir o que nunca dixen, a admitir o que sempre calara. O seu cheiro, a súa maneira de ocupar o espazo, a súa voz que ás veces non precisa falar, o seu corpo que latexa o meu sexo… Todo iso convértese nunha especie de verdade que non podo ignorar. Este libro existe porque non fun quen de gardar isto só para min. Porque cada vez que ela senta ao meu lado, sinto que algo en min se move, se abre, se fortalece, se ilumina e se escurece ao mesmo tempo. Porque hai emocións que non caben no peito e precisan dun lugar moi íntimo onde respirar. Non escribo isto para impresionala nin para buscar nada. Escribo porque necesito poñer en palabras o que me pasa cando ela está preto ou cando ela ocupa as miñas noites. Porque hai unha intensidade que me supera e que, se non a deixo saír, remataría por consumirme. Este espazo é o meu xeito de darlle forma ao que sinto, de recoñecer que hai encontros que cambian o rumbo, aínda que nunca se digan en voz alta. Ela non o sabe. Ou quizais si. Pero este limiar é para ela. Para a muller que sen pretendelo, converteu o meu silencio nunha historia que tiña que ser escrita.

Visitas: 0

ELA SORRÍ

Ela sorrí. ¿Non a coñeces? Silencio absoluto. O vello escritor confunde con nitidez realidade e ficción. O seu pulso emocional lévao a unha adolescencia mal vivida, dispersa e disparatada, mentres a realidade da súa vida actual o envolve nun magma viscoso de recordos sen verbas, segundo el, por mor dunha ferinte perda de memoria. Ela non o cre.

Visitas: 0

NUNCA É TARDE

Nunca é tarde para comezar unha nova vida, reflexionou ese poetastro de pacotilla que encadea versos sen sentimento como quen ensarta as contas dun colar que acaba afogándoo coma se fose unha soga ao pescozo. Nunca é tarde, dixo mentres abría a porta da súa habitación, que lle ofrecía un mundo de tranquilidade que ninguén coñecía. Soamente o seu corpo e mente.

Visitas: 0

O MEU ADURMIÑAR

Este lento adurmiñar —afastada tebra duns latexos en quente mansedume— guíase pola inercia do amencer, e como un vagabundo ofrezo a alborada dun sol sen raíces ao deseño dun alba pasaxeira que obxecta a miña conciencia nun pestanexo de corpos celestes.

Sustento e domestico con fruición os meus soños iniciándoos nunha conta atrás, mentres o perenne aforcado dosa segundos arredor duns beizos sen resposta.

Camiño desorientado, buscando sentido, moldeando memorias, recreándome nas cicatrices que transpiran nas miñas tempas.

E no fondo… só silencio.

Visitas: 0

PERENNE FACEDOR DE RECORDOS

Un intre de sedución penetra no meu recordo como unha antiga tristura se mergulla no tempo da noite. Os fenecidos signos que poboan a análise da nosa xeración desbórdanse cheos de miserias como ríos de lava inqueda, sucados por ameazantes tormentas de pasividade. Na miña ruda testa, gotas de sangue, suor e bágoas xemen na madrugada como unha nebulosa de pantasmas cando a miña mente se proxecta en furtivos símbolos dunha gloria pasada. Murchas sembranzas dun corazón en estado feudal!

Visitas: 0

A MESMA CHUVIA

Escoita como tempera a chuvia que leva anos na miña memoria xogando co mar. Todo é húmida monotonía. Esta chuvia repite sempre a eterna canción dunha árbore de follas secas que espía a miña sombra cando o vento vulnera o teu perfil. Entón imaxino a túa silueta xeométrica na sombra dos meus ollos e confúndote precipitadamente entre a algarabía de falsos soños. Debuxas unha elegante improvisación coas curvas do teu sorriso e reúnes secretamente os meus vibrátiles arrabaldes nun soto de esferas cúbicas. Eterna chuvia de tedio e música intacta, só me axudas a descubrir que as túas meixelas proen nos meus ollos cando a escuridade nos congrega nunha mesma ausencia. Ignorámonos. Afastámonos coa proximidade de quen agarda o que nunca terá. Eterna chuvia de imaxes indescifrables. Cando volverás acariciar as entrañas da nosa claridade?

Visitas: 0

QUIZAIS

Quizais por todo o dito ata agora, ou tal vez por outra inacabada e amarga serenata de fantasmagóricas sangrías, de xeito imperdoable, limpo e sincero, deixei caer no silencio as palabras que me sostiñan. Quizais porque a noite gardaba un segredo de cinza e sal, ou porque o vento levou consigo a derradeira esperanza, ficou o corazón á deriva entre sombras e lembranzas, agardando un amencer que nunca soubo chegar.

Visitas: 0

NESTES ÚLTIMOS ANOS…

andei á deriva cando todo ao meu redor era cordura, non acertei co latexar xusto das palabras cando a miña mente te resucitaba idealizada, ancorei a miña afastada adolescencia no arrolo desangrado dun nome de muller, non saciei con cerimonias adorables a elemental ebriedade da túa pel, confundín a persistencia da lembranza coa promesa imposible do regreso, deixei que o tempo medrase entre nós coma unha herba teimuda sobre os camiños abandonados. E seguín procurándote nos recantos máis improbables da memoria, mentres a vida, paciente e allea, continuaba pechando detrás de min portas que nunca souben atravesar.

Visitas: 0

CON ANSIAS

busco un exceso de amor onde só hai unha man cega, quero apresar a lonxitude do teu tempo coa silueta dos meus desequilibrios e das miñas tolemias, toco a túa alma cando só queres un abrigo para túa pel sen sentimentos, deambulo melancolicamente pola embriaguez dos namorados que non queren saber de amor, e esperto a media noite cunha amalgama de criaturas informes na miña mente que regurxitan outra noite de soidades nocturnas.

Visitas: 0

REDES

Publicou a súa tristura nas redes, agardando «gústame» como quen lanza botellas ao mar con mensaxes de auxilio. Cada reacción era unha esperanza, cada comentario, unha posible corda. Pero ninguén o rescatou. O mar dixital non ten costas, só ondas que arrastran sen mirar. E a súa dor, aínda que viral, seguía sen resposta, flotando entre algoritmos e pantallas.

Visitas: 0

GUSTARÍAME…

Gustaríame gozar dun sorriso, sexa novo ou xa maduro; liberarme da tristeza coa forza dun titán; queimarme no forno dunha ausencia; deshabitar a floración da miña soidade; ser un home que non chorara de noite; ter no meu carón unha muller que me fixera máis vivo; saber a razón da miña tristura conxénita; despedirme de ti coas miñas mans sempre nos teus seos. Xa non sei o que me gustaría!

Visitas: 1

AQUELA TARDE

A tarde cae amodo sobre a mesa daquel bar. Dúas copas baleiras, algúns recordos e un imposible no que nos empeñamos en crer. Ti falas dos nosos sentimentos como o mariñeiro que come ao noso lado fala do mar: ás veces en calma, reflectindo o ceo, e outras axitados en tormentas interminables. E eu, crédulo e infeliz, asinto. Imaxino os dous sos nun barco rumbo a ningunha parte, coma dis ti porque o noso ten menos vida cun prato baleiro.  Non quero saber que nese mesmo intre xa te tiña perdida.

Visitas: 0

O DESEXO

A miña sombra ri de min, con esa ironía silenciosa que parece coñecer todos os meus segredos, e dime que o corpo os esquece co tempo. Pero non é certo, porque abonda con pensarte un instante —lembrar a túa doce pel, a túa excitada respiración, a maneira en que te achegabas sen présa— para que algo dentro, e fóra, de min esperte.

Entón a miña man lembra antes incluso de que o decida a mente, e comeza a moverse amodo, cun ritmo antigo e natural, como a marea que avanza e retrocede sen pedir permiso.

Pouco a pouco o corpo volve latexar cunha intensidade que cría apagada, e cada recordo faise máis nítido: a túa boca, a túa lingua, a noite na que os nosos corpos se buscaron con urxencia mentres o resto do mundo desaparecía arredor.

A miña sombra intenta determe, intenta convencerme de que todo iso pertence ao pasado, pero o desexo xa comezou a camiñar e non escoita advertencias.

A habitación parece arder amodo, coma se o aire mesmo estivese cargado dunha electricidade suave, e dentro de min medra unha onda que non deixa de elevarse.

Pecho os ollos e deixo que chegue ese intre inevitable, esa convulsión breve e fonda do pracer que atravesa o corpo como un lóstrego silencioso.

Despois chega o silencio, e a respiración volve pouco a pouco ao seu ritmo lento mentres o corpo recompón a calma.

Entón érgome, recollo as cinsas invisibles que quedan na habitación, e escribo con elas, porque mesmo a ausencia pode converterse en palabras.

Visitas: 0

CINZAS

Esperto entre cinzas, coa sensación de que algo ardeu en min durante a noite. Érgome amodo, sacudo o po gris do corpo, como se cada movemento espertase recordos antigos. Houbo en min un lume intenso. Agora quedan só brasas ocultas. Tócome o peito e algo esperta: a memoria do teu corpo. Imaxino a túa boca. A túa respiración. O calor. Pero a sombra aparece e murmura: —Xa non volverá. E aínda así, algo queda. Non é lume. É unha brasa pequena… pero viva. 

Visitas: 0

UN TIPO NORMAL

Si. Son un tipo normal. Dos que se namoran cando coñecen unha muller de encantos meigos, verbo ocupado e mirada enigmática. Dos que non saben dicir cando a outra persoa, neste caso ti, pide con clemencia un si posesivo e mordente. Dos que camiñan pola rúa como quen conversa en segredo coa terra. Dos que buscan a calor dunha man feminina mentres choran o último fracaso amoroso. Dos que abren a fiestra pola mañá para que a luz do día entre descalza e se deite con el. Dos que, mentres sosteñen unha cunca de café quente entre os seus dedos desamparados, confunden un bico cunha mentira. Si. Son deses. 

Visitas: 0

POR QUE ESCRIBO POEMAS EN PROSA

Escribo en poemas en prosa porque é onde mellor me escoito. Non o fago por compromiso nin por necesidade pública, senón por un pracer íntimo, por esa sensación de recoñecemento que só aparece cando as palabras nacen no formato no que unha parte de min pensa, sente e lembra.

Escribo do mesmo xeito que leo: en silencio, sen présa, como quen conversa consigo mesmo sen agardar resposta. A lingua acompáñame nese espazo interior onde as emocións se gardan máis do que se expresan, non por falta de intensidade, senón por exceso de cautela.

Sempre fun unha persoa tímida. Non unha timidez de inseguridade constante, senón esa que observa antes de falar, que prefire o recuncho tranquilo á voz alta, que sente máis do que di. E o poema en prosa, para min, é ese recuncho: un lugar onde as palabras poden quedar, repousar, non marchar antes de tempo.

Moitas das que escribo non atoparon o momento axeitado para saír noutras formas. Ficaron dentro por medo a fracasar, a non ser comprendidas, a expoñer o que é profundamente persoal: a soidade, o amor contido, a frustración, a vergoña, a desolación.

O que escribo non nace dunha dor concreta, senón dunha acumulación lenta de sentimentos. Son emocións pequenas, cotiás, ás veces contraditorias, que se foron instalando co paso do tempo. E o poema en prosa permíteme nomealas sen romper o seu delicado equilibrio. 

Visitas: 0

SANTIAGO

Nesta madrugada Santiago cheira moi ben. Cheira a bolboretas nocturnas nun camiño de estrelas e a primavera de augas singulares; cheira ao bautismo do sagrado incenso que percorre as rúas e a un vento fresco cheo de augas calmas. Como un artesán destro, a man deste vento pule o silencio das rúas cubertas de orballo, e a súa tea invisible de liño aromatiza o aire con cinzas case santificadas. Vetustas campás do ceo dobran sinfonías de pedra! Santiago, lévote sempre no meu pensamento, lévote na memoria ferida que saia continuamente a dor do meu sangrar. Santiago, son como un esmoleiro perdido de nostalxia que recolle neste lugar santo un ramo de gardenias e unha armadura de viva paz. Sempre Santiago no meu pesar. 

Visitas: 0

NON HAI PAZ PARA MIN

O que habita en min non descansa. É un baleirado lento da alma, un cansazo do espírito que adopta formas grotescas e crueis. A angustia disfrázase, burla, arremuíñase como medo persistente. Todo é congoxa comprimida, inquedanza repetida como contas dun rosario que non concede fe. Naufraxio nun dozura falsa, nun desacougo clínico, nunha tristeza medida en doses mínimas que non curan nada. Fálanme de descanso eterno, de paz, pero esa palabra non figura no meu vocabulario íntimo. Nunca souben como pronunciala. 

Visitas: 0

A MIÑA ANSIEDADE

Vivo estrangulado pola ansiedade, coma se o aire se negase a entrar do todo. Dentro de min, o desexo contradise: unha parte marcha coas mans baleiras, a outra queda aferrada a unha forza aprendida a base de resistencia. Só pido que cesen os punzóns, eses nervios afiados que desde hai séculos se aloxan na miña alma e atravesan os meus sentidos sen pedir permiso. Recórrenme como unha procesión errante de corpos sen abrigo, de camas abandonadas, de espazos onde xa non existe a palabra fogar. 

Visitas: 0

OUTRA VEZ A MIÑA SOIDADE

Outra vez regreso á miña soidade, como quen volve a unha habitación pechada desde dentro. A noite loita comigo e ofréceme, como único combate, a orfandade e o desamparo. No espello da sombra recoñezo o rostro que o silencio deixou esquecido. Cada lembranza abre unha ferida que o tempo non soubo pechar. E fico á escoita dun nome que ninguén pronuncia xa na penumbra. Mentres a alba, lenta e allea, pasa sen deter a súa luz en min. 

Visitas: 0

NOITE SOSEGADA

A noite pousou mansa sobre nós. En poucos segundos aprendín o sabor da súa voz, coma quen proba por vez primeira un segredo gardado no fondo do inverno. Durante longos minutos xurei non esquecer a nostalxia delicada do noso encontro: esa maneira de quedarse o tempo suspendido entre dúas respiracións, ese rumor leve co que o silencio tamén fala. E mentres a cidade durmía, a noite —sosegada e fonda— foi tecendo arredor de nós unha memoria pequena e ardente, como se amar fose apenas isto: recoñecer nun instante a dozura triste do efémero. 

Visitas: 0

A LECTURA

Abrir un libro é como abrir o meu propio refuxio. Non preciso que ninguén me entenda. Abonda con que as páxinas me falen. Abrir un libro é entrar nun lugar onde o ruído baixa e a mente atopa sitio. Non fai falta dar explicacións nin buscar aprobación: cada páxina ofrece unha forma de compañía que non invade, só acompaña. A lectura ten esa rareza fermosa de converter o silencio en diálogo. Un libro non interrompe, non esixe, non xulga. Agarda. E cando un o abre, sempre hai algo disposto a falar na lingua exacta que precisabamos escoitar. Por iso ler non é só pasar os ollos por palabras. Ás veces é volver a un mesmo sen ter que dicilo en voz alta. É atopar un refuxio que cabe entre as mans e, ao mesmo tempo, dentro de nós. 

Visitas: 0

TAL VEZ, ALGÚN DÍA ME LES

Tal vez, algún día, me les. Escribo sen saber para quen. Escribo como quen d eixa unha luz acesa nun cuarto baleiro, como quen pecha unha carta e non pon remite no sobre. Por se alguén entra despois. Por se alguén recoñece a calor mínima dunha ausencia. Por se aínda queda alguén que saiba ler o que non foi dito.

Tal vez, algún día, me les. Escribo sen saber para quen. Escribo como quen deixa unha luz acesa nun cuarto baleiro, como quen pecha unha carta e non pon remite no sobre. Non agardo resposta. Hai palabras que só existen para non podrecer por dentro. E esta é unha delas. 

Visitas: 0

A TIMIDEZ

A timidez que levo non é unha debilidade, é unha forma delicada de sentir o mundo. Cada palabra pesa e cada xesto precisa valor, pero ninguén me entende. Falan de min como se fora un home inútil, como se non quixera formar parte de ti e todo por un xeito de ver a vida dende unha sombra que ninguén quere ver. 

Visitas: 0

INSOMNIO

Hai noites que non son noites, senón cárceres.

O home está deitado, pero non descansa. A cama é un campo de batalla onde loita contra o sono que non chega, contra os pensamentos que non calan, contra o corpo que se nega a afundirse na calma. E berra. Non con palabras, senón co peito, coas mans, cos ollos abertos na escuridade.

Toda a casa dorme, pero el non. El é o único ser esperto nun mundo que se apagou. Sente que a noite o interroga, que o reloxo se burla, que os cadros da parede lle devolven miradas que non quere ver. E berra.

O insomnio non é só ausencia de sono: é presenza de todo o demais.

Visitas: 0

O CUARTO VIRXE

Escribo estas palabras como quen deixa unha luz acesa nun cuarto onde ninguén entrou aínda, pero que eu sei que ti algún día chegarás. Non sei se recoñecerás a voz que te fala, nin sei se che resultará familiar este ton con mestura de recordo e desexo, pero algo en min insiste en que as miñas cartas non precisan remitente para atopar o seu destino.

Hai nomes que abren portas, e o teu sempre me soou a chave antiga que entra en pechaduras que non lembraba ter. Hai días nos que penso que o mundo se move demasiado rápido, e que só a escritura conserva a capacidade de deter o tempo. Por iso che escribo: porque ti, sen sabelo, te convertiches nunha especie de refuxio, un lugar onde repousar o pensamento cando o ruído de fóra doe máis do que debería.

Quizais porque o teu nome leva dentro esa resonancia antiga, esa raíz nórdica que fala de cousas sagradas, de forza silenciosa, de algo que permanece cando todo o demais pasa. E hoxe quero dedicarche tamén un poema, non para que o interpretes, non, senón para que o leves contigo, como quen leva unha pedra quente no peto durante todo o inverno.

Visitas: 0

HISTORIA DUN AMOR IMPOSIBLE

Como unha promesa que se desfai no aire, entrei no bosque dos corpos sen nome, onde as árbores latexaban como veas abertas e os paxaros cantaban en idiomas que só a pel entende. A noite mollaba os meus ombros cunha lingua de néboa e sal, e cada estrela era un ollo que me espía sen xuízo, sen tempo, sen moral.

Camiñaba por un río de espellos, onde cada reflexo era unha versión distinta de min: unha muller de lume, un home feito de area, un animal que respira entre os dedos. As mans que me tocaban non tiñan dona, eran vento, eran desexo, eran recordos doutros corpos que nunca vivín. E eu deixábame levar, como quen se entrega a un soño que sabe que é mentira, pero que sabe mellor ca a verdade.

A pel, espida, era un altar onde se ofrecían os silencios, os latexos, os arrepíos que nacen entre a clavícula e o abismo. Unha boca sen rostro murmuraba versos no meu oído esquerdo, mentres o dereito escoitaba ao mar facer o amor coas rochas.

E eu, espido, sen nome, sen historia, era só carne que pensa, pensamento que arde, ardor que se expande como tinta nun lenzo húmido. No centro do mundo había un corazón feito de lume e mel, e alí, entre os seus latexos, descubrín que o pracer é tamén unha forma de oración, que o corpo é templo, e que a pel espida é a única verdade que nunca mente. 

Visitas: 0

A NOITE QUE LEVO DENTRO

A noite que levo dentro non chega con estrelas nin con lúa: chega en silencio, co peso frío dun abrigo que non atopo. É un cuarto sen fiestras onde os meus pensamentos se volven farois apagados; é a paciencia dun reloxo que esqueceu o seu tic, o rumor lento do sangue que coñece atallos na sombra.

Camiña polas miñas veas como quen recita un poema nun idioma alleo: sabe de horarios, de despedidas, de nomes que xa non encaixan na boca. Ás veces senta na beira da miña lingua e dinme as preguntas que nunca aprendín a responder; outras, deitase no meu peito e ensíname a escoitar o latexar coma se fose un mapa.

Hai nesa noite un país de pequenas certezas: a lámpada que rexeito acender, a cadeira que sempre queda baleira, o cheiro a libro pechado. Pero tamén hai feroces agochos: risas escondidas nun pregue, unha música que aparece ao azar e me devolve un instante que pensei perdido. Non pretende destruírme: apenas ordena os meus pensamentos en fila, pídelles que se miren á cara e, se queren, que se abracen.

Cando aparece a mañá —e ás veces non aparece— a noite que levo dentro non marcha do todo; queda como un hóspede prudente que garda o meu abrigo e me deixa saír coa promesa de volver. E eu camiño con ela, ensinándolle as beirarrúas, mostrándolle a luz que coñezo, aprendendo a nomeala sen pedir permiso para durmir. 

Visitas: 0

ANSIEDADE

Estou asfixiado pola ansiedade e o meu vello desexo de ti afógao o mar cunha man baleira e outra chea de perversa fortaleza. Quero que non me perforen os nervios, eses burís de ferro que habitan na miña alma desde tempos inmemoriais e que me cravan os sentidos nunha romaría de corpos espidos e camas ermas que de novo se afoga no mar. 

Visitas: 0

O TEU NOME

Hai persoas que pasan pola vida como follas levadas polo vento; e outras, que sen facer ruído, deixan raíces fondas nos lugares polos que pasan, aínda que se deteñan fugazmente. Ti pertences a estas últimas.

Hai algo na túa maneira de estar —esa mestura de firmeza e delicadeza— que fai, cando te lembro, que o mundo que me rodea se ordene un pouco mellor. Non precisas erguer a voz para que te escoiten. Non precisas explicar quen es: adiviñase.

A túa forza non é de pedra, é de río: constante, paciente, inevitable. E quen te coñece, aínda que sexa por medio dun nome escrito nunha carta, entende que hai en ti unha claridade que non se aprende, unha especie de serena sabedoría que non presume, pero acompaña.

Se algún día estas palabras chegan a ti —véxoo case imposible porque non sei onde estás— quero que saibas isto: non foron escritas para impresionarte, senón para honrarte. Porque hai nomes que merecen ser ditos con respecto, e o teu é un deles. 

Visitas: 0

A TÚA PEL

A túa pel foi a primeira xeografía que aprendín a ler sen mapas. Non tiña fronteiras, só ondulacións suaves, como o espertar da miña infancia ao amencer. Era pel de néboa e de lume, pel que gardaba o sal das bágoas que nunca chorei, pel que sabía a herba mollada e a pan de millo cocido.

Cando te achegabas, o tempo facíache reverencias. As horas deixaban de contar, e os días convertíanse en cancións sen letra. A túa pel falábame sen palabras, cunha til que só entendían os que soñan coas mans.

Era pel de festa e de loito, de romaría e de inverno. Pel que sabía agardar sen pedir nada.

Agora que es recordo e vento, sigo buscando o arrecendo da túa pel nas páxinas dos libros vellos, nas pedras quentes do mediodía, nas voces que se cruzan na memoria. E ás veces, cando o sol se reclina sobre o mar, creo sentila outra vez: esa pel que foi casa, que foi refuxio, que foi poema antes de que eu soubese escribir. 

Visitas: 0

AÍNDA QUE DOA

A soidade camiña comigo. Non a amarga. A outra. A que che deixa escoitar o que de verdade sentes. Non consola. Non pregunta. Só te deixa estar contigo, aínda que doa.

Aí entendo que o desamor non sempre é perder algo. Ás veces é aceptar que o que un quere non pode ser. E que a vida segue, sen agardarnos, aínda que doa.

E, con todo, o amor platónico sostenme. Ese amor sen corpo, sen tempo, sen posibilidade. Non é pequeno. Vive no que imaxino, no que non se toca, no que non se estraga. Non pide nada. Non esixe nada. Só existe. E ás veces existir é suficiente, aínda que doa.

Se queres, podo levalos aínda máis lonxe: máis rotos, máis mínimos, máis como pensamentos que un escribe sen erguer a cabeza da almofada. Queres que os faga aínda máis íntimos ou prefires que os deixe así? 

Visitas: 0

UNHA RÚA DE MADRID

Camiño por unha rúa que non existe neste Madrid mollado. É a miña forma de pensar nela sen romperme. Cada paso trae unha pregunta que non sei contestar. A tristeza sempre chega primeiro, como unha sombra que se adianta. É a tristeza do que non foi, do que calei, do que xa non terá lugar.

Pero despois, sen avisar, aparece unha ledicia pequena: imaxinar o seu sorriso, lembrar un xesto que quizais inventei, unha mirada que tal vez nunca aconteceu. E esa chispa mínima, esa luz que dura un instante, bástame para seguir camiñando. 

Visitas: 0

CARTA

Quizais algún día leas isto. Non é unha confesión. Non é unha declaración. É só a miña maneira de poñer orde ao que sentín por unha muller cuxo nome non quero escribir. Non porque non o mereza, senón porque o nome a encerra, e eu só quero quedar co misterio.

Non sei se existiu tal e como a lembro. Ás veces penso que foi unha luz que me acompañou cando todo estaba escuro. Outras veces creo que si a toquei, que si estivo, pero xa non lembro a súa pel. Sexa real ou inventada, o que deixou en min foi verdade: tristeza, ledicia, soidade, un amor que nunca chegou a ser, unha nostalxia que non sei de onde vén. Todo iso xunto. Todo iso revolto. Ás veces afúndeme. Ás veces sálvame. 

Visitas: 0

CAMIÑO

Ás veces camiño sen saber por que. Como se algo vello, algo que non fala, pero insiste, me empurrase a seguir. Estou fronte ao mar. Sempre volvo aquí sen pensalo. Chámame, recóllome, bórrame. O sal leva as miñas pegadas coma se quixese dicirme que non son tan importante, que todo pasa.

E neste ruído suave, neste cheiro que queda na pel, naceume unha necesidade: escribir. Non o poema, non as palabras exactas. Só escribir. Porque hai cousas que non caben dentro para sempre. E hai silencios que, se non os abro, pésanme máis co corpo. 

Visitas: 0

ESTOU PERDIDO

Estou perdido. Dinme que siga escribindo, pero o meu anhelo mergúllase nun océano cheo de pirámides e de leitos mortuorios. Nun deles leo que desapareceu a miña literatura, que a devorou un gran tiburón branco que está cubrindo o fondo mariño con poemas asinados por min, un tal José María Máiz Togores.

Estou perdido. Esperto do soño e non me atopo. Sigo perdido. Non nun bosque de palabras, nin nunha cidade estranxeira, nin nunha aldea galega despoboada, senón no corredor sen paredes onde as miñas palabras se esvaen antes de tocar o papel.

Estou perdido. Quizais escribir non sexa chegar, senón quedar. Quedar no bordo da vida, no limiar, nese lugar onde o sentido aínda non naceu, pero xa respira.

Estou perdido, si. Pero nesta perda hai unha música que non cesa. 

Visitas: 0

OUTRA VEZ

Quero que me convides a un pracer sen nome, clandestino, deses que non deixan pegada, pero abren mil portas para que os nosos corpos perdan o norte e suban, cegos, a un cumio de gozos invisibles. E ti repítesme que a delicia desa gloria só a coñecerei contigo, que será un gozo secreto, un pacto de pel e saliva.

A miña fidelidade á soidade é tan feroz, tan limpa, que nunca vexo o sol, que para min sempre chove. E eu sigo aquí, empapado de espera. 

Visitas: 0

SEN RESPOSTA

Acariciáchesme como a un neno. O que nun principio considerei un cándido piropo, aos poucos minutos vin como un ferinte menosprezo. Estabamos no noso escarallado pub da rúa Hermosilla. Si. Aquel. Si. O do cheiro, segundo ti, a prurito de vulgaridade sucia e mendicante.

Sabes? Es letal coas comparacións. Quixen a miña mellor versión para a túa fragrante e balsámica pel. E ti que se un neno mimado. Deus! E eu, hológrafo dun estrañado e vencido home, morto antes de recoñecer cada poro da túa pel.

E ti que que exsudación de vulgaridade. E eu que se un murmurio, que se unha caricia, que se unha invitación. E ti, palabras sen compromiso. E eu, que é o noso recóndito espazo para as nosas confesións. E ti que se as túas medias de cristal valen máis ca as consumicións deste garito.

E eu, esmirrado e raquítico ao teu lado, pedinlle ao home do piano que tocara a nosa canción. E ti, que xa non é miña… dixeches. 

Visitas: 0

NOITE PECHADA

É noite pechada e non vexo, como sempre, o camiño que me leva a ti. Sempre é de noite, sempre sen luz para que os meus ollos se perdan nun labirinto de soidades e non poidan os meus beizos bicarte coa forza do meu sangue. Esperta, muller, esperta, que a chuvia que estás vendo servirá de leito cando ti e máis eu sexamos un. 

Visitas: 0

REFLEXIÓN POÉTICA

Á lume do eco poético, os meus versos atopan a súa morada definitiva. Non son palabras soltas no espazo, son palabras incandescentes que continúan ardendo mesmo cando eu, poeta, sucumbo ao silencio. O lume nunca é estático, móvese, transfórmase, consome e alimenta; e así é a poesía que en min medra.

Cada verso non é un mero reflexo, é un novo nacemento, unha pulsación que segue viva e que, terxiversada polo paso do tempo, non perde a súa esencia. O eco, como gardián dos meus versos, protéxeme do lume, permitindo que as súas lapas só iluminen outros camiños, quizais outros corazóns, quizais novos soños.

Cando remata, non hai silencio absoluto, só a continuidade da palabra que se entrega ao vento e se deixa levar polo lume e polo eco, fundíndose co universo e tornándose parte do infinito. A poesía é a lume dese eco e xamais se apaga. Ela transcende a morte en calquera tempo, resiste á escuridade e atopa sempre unha nova forma de existir. 

Visitas: 0

CHOVENDO

Hoxe a escuridade é absoluta, como se o mundo se pechase sobre si mesmo e só quedase o ruído da chuvia interior. Chove nos recordos, nas preguntas sen resposta, nas palabras que non atopan saída. Pero, aínda así, algo permanece aceso, pequeno e teimudo, como unha luz que non sabe apagarse.

A esperanza non fai ruído: aprende a quedar, a respirar fondo, a agardar o seu momento. Sei que o día existe mesmo cando non se ve, porque xa volveu outras veces. Cada nube leva dentro o cansazo de tanta auga e tamén a promesa do ceo aberto.

Non é debilidade agardar, é unha forma de valentía silenciosa. Sigo avanzando a paso lento, sostendo o corazón coas dúas mans. A chuvia non dura para sempre, por máis convincente que pareza hoxe. E cando menos o espere, din, a luz atopará o camiño e o día abrirá.

Visitas: 0

O QUE VEÑA

Agora que o reloxo deixou de marcarme as horas alleas, ábrese ante min un tempo sen dono, un territorio brando onde a morriña é bruma e tamén semente. Non quero falar do que remata, senón do que brota: unha vida que respire ao meu compás, onde as palabras sexan casa e refuxio, e escribir non sexa tarefa senón necesidade, como quen acende a lareira nas tardes húmidas.

Que o futuro non me sexa ingrato, que me trate coa delicadeza coa que se sostén unha cunca de porcelana herdada, e que a saúde me acompañe como un río manso que non fai ruído, pero dá vida. Que non haxa envexas que envelenen o aire nin sombras que me rouben a luz, e que a soidade emocional non me roia por dentro como a couza na madeira antiga.

Quero sentir que cada amencer é unha páxina en branco que me pertence, que podo enchela co latexo sincero do que fun e do que aínda desexo ser. Se a morriña chega, que chegue doce, como un recordo que aperta, pero non afoga; e que no silencio atope non un baleiro, senón un espazo fértil onde seguir medrando, escribindo, vivindo á miña maneira, sen medo e con esperanza. 

Visitas: 0

CARBALLEIRA

Penso en voz alta mentres avanzo por un camiño desta carballeira que botaba de menos. Ás veces o que xorde é prosa que busca un ritmo máis ca unha conclusión; outras, preguntas que permanecen abertas como claros no bosque. Non quero ensinar nada, nin convencer a ninguén. Quero compartir este proceso mínimo: o xesto humilde de nomear para que non desapareza, de escribir para que o vivido non se dilúa sen deixar rastro. E cando chego ao final do sendeiro —ou quizais ao seu comezo— sinto que algo foi dito, aínda que non saiba exactamente que. Acompáñame o cheiro da terra mollada, o croar das follas baixo os pés, esa calma que non resolve nada e, con todo, o sostén todo. Sei que mañá o tempo volverá apremarme, que o ruído regresará coa súa insistencia habitual, pero tamén sei que esta carballeira permanece aquí, agardándome.

Visitas: 0

RETRANCA

Difícil de entender para unha persoa que non coñece en profundidade Galicia. Podemos dicir que é a caralluda habilidade para falar con segundas pretensións, en especial cando se procura unha ironía intencionada no que se di e sae revestida de certo valor creativo e gracioso. Para entender perfectamente a retranca transcribo unha viñeta de Castelao na que o taberneiro lle pregunta ao cliente: «Que che parece o meu viño?». O viño era ruín, pero o paisano saíu do apuro dicindo: «Por onde vai, molla, e como refrescar, refresca». Outros exemplos: «Choverá?» «Se ten que chover, que chova, pero por riba de nós». «Éche o que hai». Dise para xustificar a nota dun exame ou para deixar claro que non está convidada á festa. 

Visitas: 0

O DESEXO CARNAL

O desexo carnal chega a min como unha treboada de verán: rápido, quente, inevitable. Pero o desamor faise cargo de todo e deixa en min un frío lento, persistente, como unha saba húmida que non hai maneira de secar. E empapa as miñas miserias coma se ninguén quixese visitarme. A festa nocturna onde o suor, o alcohol e a néboa se mesturan ata formar unha única substancia que non se pode explicar, só vivila ao máximo. Entón, o teu corpo quente e vivificante, aquela madrugada de verán, refrescará o meu corpo acendido de soidade. E disme que deixe que o orballo reconforte as miñas ansias, que non queira unha misericordia de corpo espido porque ao final, cando durma nos teus brazos, saciarasme plenamente.  

Visitas: 0

ENVEXA

Din que a envexa é tristeza polo ben alleo, pero no teu caso parece unha profesión a tempo completo. Non che doe a miña sorte, dóeche que non sexa a túa. Mírasme como quen mira un erro do universo. Tranquilo, se puidese, tamén che daría algo… aínda que fose un motivo menos para odiarme.

Visitas: 0

RAZÓNS «SURREALISTAS» POLAS QUE EU ESCRIBO POEMAS EN PROSA

No reino flotante entre a palabra e o silencio, os poemas en prosa surrealistas son criaturas ambiguas: non son do todo verso, pero tampouco prosa libre; existen como peixes que respiran aire, nadando en ríos de sintaxe para formar unha alquimia emocional que desafía a lóxica lineal.

Un poema en prosa surrealista non se desculpa pola súa forma: deslízase sen rima, pero con música secreta. A súa xenética é caótica: nace do soño, da intuición, e ás veces de quen fala soñando palabras. É o diario íntimo do absurdo, onde unha cadeira pode chorar e un reloxo pode falar en dúas linguas que non coñece.

O surrealismo abraza o inconsciente, e o poema en prosa é o seu mellor conspirador. André Breton entenderíao como un acto de rebeldía sintáctica, onde os significados se evaporan antes de pousar. Revélase en imaxes inesperadas: «O coitelo pensou na lúa, e o espello ladrou cando viu á miña nostalxia chorar». ¿Ten sentido? Non. ¿Ten verdade? Absolutamente.

Estas obras non buscan claridade, non van dirixidas á súa comprensión lóxica, non, buscan a desorientación lúcida. As palabras reúnense como insectos arredor dunha lámpada fundida: atraídas por unha luz que xa non existe e non se pode tocar. No canto de describir a realidade, desfigúrana para que poidamos vela máis profundamente.

Así, o poema en prosa surrealista é unha máquina de atmosferas, un espello sen forma, un gato que escribe con tinta de lúa.

Exemplo de poema en prosa surrealista

O paraugas soña co océano. Non pola auga, senón polo esquecemento. Na súa tea escóndense as cartas que nunca chegan, escritas por mans que non existen. Cando o abras, choverá dentro.

Visitas: 0

VERSOS SILENTES

Hai versos que viven na penumbra da miña gorxa, como hóspedes tímidos que rexeitan a luz. Non son covardes, non. Son versos que aprenderon a respirar en silencio, que se teceron con fíos de pudor e de medo, coa tinta invisible do que nunca se atreveu a ser confesado.

Escribinos en marxes de axendas esquecidas, en panos engurrados, no bafo dos espellos. Algúns falaban de ti, outros de min, e os máis valentes falaban de nós, do que fomos sen ser. Pero nunca os pronunciei. Porque dicilos era invocar un tremor, unha fenda, unha verdade que non sabía se quería escoitar.

Ás veces síntoos axitarse, como paxaros pechados no peito. Pídenme voo, pídenme voz. E eu míroos, acaríñoos co pensamento, prométolles que algún día… algún día serán aire.

Pero hoxe seguen sendo iso: versos que nunca dixen en voz alta. E, porén, habítanme. 

Visitas: 0

A TERRA

A terra é recordo, é corpo, é lugar do que se vén e ao que sempre se volve, aínda que sexa só coa cabeza. Rinse de min porque falo das aldeas do pasado, das aldeas que xa non existen, das que quedaron a medio camiño entre a memoria e o abandono. Falo con agarimo, pero tamén con dor, porque querer algo non implica cegarse. E eu non estou cego. 

Visitas: 0

OS SILENCIOS

Dóenme os silencios que non sei romper e dóeme a alma, cansa de querer a medias. Camiño polo seu interior con coidado, como quen pisa un chan fráxil para non volver caer. Non é que falte amor, é que sobra desgaste e xa non queda forza para finxir.

Ás veces, sentir pesa máis que calar, e o «non» convértese nun acto de honestidade. Descansar tamén é unha forma de seguir vivo por dentro. Hoxe quedo aquí, en calma, coidando o pouco que aínda sinto. 

Visitas: 0

AQUEL BICO

Aquel bico, aquela man, aquel desexo, aquel pracer. Os catro, desde hai tempo, por ti, abertos a lume vivo. Os catro, desde hai tempo, por ti, do teu corpo espido namorados. Os catro, desde hai tempo, por ti, habitantes dun soño durmido das túas ferventes caricias. Aquel bico, aquela man, aquel desexo, aquel pracer. Os catro gardados entre os suspiros dun tempo sen retorno, dormen na miña escura memoria, lonxe dos teus ollos, moi preto da miña alma. Foron só un instante e xa son a eternidade. 

Visitas: 0

AUSENCIA

Ausencia é ver como a escura neve golpea con branca crueldade e saña, unha vez rematada, a ardente caricia que estendiches onte por todo o meu corpo. Deste xeito verás como quedan os nosos corpos espidos sobre un solitario leito de ácido pracer, e o teu perfil, entre mil sombras acariñado, desaparece cuberto do suor das nosas almas. Entón, o meu corpo chora a túa ausencia cheo de soidades. 

Visitas: 0

ESPELLISMO OU REALIDADE

Ninguén me dixo que estabas aí. De súpeto, unhas pernas enfundadas nunhas vingativas medias cubriron de feridas a tranquilidade da miña espera. Eras ti, claro. Agasallo do demo ou caricia dun anxo? Estiven dous minutos observándote e parecéronme dous séculos de longos camiños e crecentes feridas. ¿Espellismo ou realidade? Por un momento soñei que volvías espida a min coas mans cheas de desexo e disposta a arrolar a miña soidade cun pracer sexual de rexuvenecida saudade. 

Visitas: 0

A MAREA DA VIDA

Un percorrido polo meu interior confúndese co percorrido que fago na miña mente tódolos veráns pola costa. Cada texto que escribo é unha marea distinta, unhas veces en calma, outras veces brava. Non busco respostas nin conclusións. Só quero deixar constancia do que estou sentindo, do que vou aprendendo e do que fun perdendo e do que espero gañar.

Quizais algún día me leas ti, lector descoñecido. Quizais algún día alguén entenda que estas palabras non falan só dunha muller, senón de todas as formas que ten o amor cando non me atrevo a pronuncialo en voz alta.

O mar seguirá aquí, eterno, borrando e escribindo historias na area. E eu seguirei camiñando pola praia coa esperanza de que cada paso me leve un pouco máis preto de min mesmo. 

Visitas: 0

SOMBRAS E SILENCIOS

Ás veces, nos momentos tranquilos do día, sorpréndome a min mesmo agochado detrás dunha voz que non acaba de saír. Sinto un impulso interno que quere falar, asomarse, respirar… pero detense xusto antes, coma se lle dese vergoña mostrarse por completo. Cúbrome cunha especie de néboa suave que apaga os meus xestos e as miñas palabras, mentres o meu corazón latexa tranquilo, coidándose, agardando o seu momento.

As palabras veñen a min, móvense inquedas, pero non se atreven a voar. Os meus ollos buscan refuxio no chan, coma se alí puidesen agocharse do mundo. E os meus murmurios, pequenos e fráxiles, quedan atrapados nas miñas dúbidas, navegando nese mar interno que ás veces me supera.

Aínda así, dentro dese silencio hai algo valioso. Un pequeno mundo íntimo, delicado e honesto, que florece no profundo. Alí gardo o que son, o que aínda non mostro, o que agarda o instante xusto para abrirse sen medo. É un lugar onde a miña aparente fraxilidade se transforma en forza, onde a miña sinceridade brilla sen necesidade de facer ruído.

Entendo que a timidez non é un muro: é unha porta. E detrás dela hai un corazón vibrante, que desexa ser visto e abrazado tal como é. Aínda que ás veces me agoche entre sombras e silencios, sei que por dentro se está xestando un espertar. Chegará o día en que as miñas palabras deixen de tremer, en que os meus ollos se ergan cara ao mundo, e en que a miña voz flúa sen conterse.

Porque en min, detrás desa brétema, vive unha verdade que non se apaga: o meu silencio tamén fala, e a miña timidez non é máis ca o paso previo para mostrar un corazón que, cando se atreve, ilumina sen esforzo. 

Visitas: 0

ESCRIBIR

Escribo porque xa non sei facer outra cousa que aguantar mentres algo se desfai por dentro. O que aparece aquí non é valentía nin lucidez, é resto, é lixo emocional sen filtrar nin pedir permiso. Non me importa soar patético, roto ou excesivo, porque é o meu estado actual. O corazón do que escribo non quere ser lido nin comprendido, quere ser expulsado dunha vez. Se queda algo en pé despois, será por erro, non pola forza da miña escrita. 

Visitas: 0

A SAUDADE

A morriña e a saudade son o fío que cose todos os meus sentimentos. A saudade, esa palabra nosa que non precisa tradución, é a que mellor explica o que me pasa: a presenza dunha ausencia, o calor dun recordo que non se apaga, a ferida doce de algo que non volverá, pero que tampouco quero esquecer. A rúa do Franco, co seu interminable circuíto de cuncas, é o escenario perfecto para esta mestura de emocións que me acompañan desde hai tanto tempo. 

Visitas: 0

RAZÓNS «LÓXICAS» POLAS QUE EU ESCRIBO POEMAS EN PROSA

Nun mundo literario onde as formas tenden a viviren en compartimentos —o poema, a novela, o ensaio—, o poema en prosa aparece como unha criatura poética que tende unha ponte entre o lírico e o narrativo. Escribir poesía en prosa non é simplemente rexeitar o verso, senón explorar unha liberdade distinta, unha linguaxe que non precisa cortarse en versos para ser intensamente poética.

O poema en prosa libérase da métrica e da rima, pero non renuncia á música. A cadencia convértese nunha cuestión interna: o ritmo nace do alento, da elección precisa de palabras, da disposición secreta das frases. Este tipo de escritura permite que a emoción flúa sen as interrupcións do corte versal, sen a necesidade de xustificar cada verso cun patrón formal.

A prosa poética é ideal para o pensamento que non se acomoda a unha forma pechada. Permite vagar, dubidar, asociar ideas con imaxes, buscar unha verdade emocional sen ter que chegar a unha conclusión. É o formato perfecto para explorar a paisaxe interior: o que se sente, pero non se sabe dicir do todo.

Un poema en prosa pode contar unha historia, pero farao coa economía e a intensidade dun poema. Pode reflexionar como un ensaio, pero deslizarase entre símbolos e silencios como un soño. A súa forza radica nesa hibridez: é literatura que resiste ser clasificada, que se move entre xéneros sen pedir permiso.

Vivimos nunha época de fragmentos: pensamentos interrompidos, emocións superpostas, memorias que chegan como refachos. O poema en prosa responde a esa sensibilidade. É unha forma ideal para capturar o fugaz, o que non se desenvolve por completo, pero deixa unha pegada profunda. A brevidade non é unha limitación, senón unha forma de condensación.

Aínda que pareza moderno, o poema en prosa ten unha longa historia. No século XIX, Baudelaire xa o utilizaba para sacudir os límites da linguaxe poética. Rimbaud, Aloysius Bertrand, Pizarnik, Cortázar, Lezama Lima, Luis Cernuda ou Anne Carson exploraron esta forma como un campo de resistencia. Escribir poemas en prosa é dialogar con esa tradición que non teme a transformación e o progreso.

O poema en prosa permite experimentar: xogar co ton, a sintaxe, a repetición e a imaxe. É un espazo onde a linguaxe se estira, se torce, se reinventa. No seu interior, o escritor non está obrigado a seguir unha fórmula, senón a unha pulsión, unha voz interior que dita o seu propio ritmo.

Escribir poemas en prosa non é só unha elección formal: é unha declaración estética. É optar por unha linguaxe que flúe libremente, pero segue sendo esixente, unha forma que non precisa do verso para emocionar, unha vía aberta para dicir o que non cabe no convencional. Para quen sente que a  poesía está en todas partes —nunha idea, nun recordo, nunha imaxe fugaz—, a prosa poética é o territorio natural para habitar e vivir. 

Visitas: 0

IDEALIZACIÓN

Non te idealizo. A idealización é unha forma de covardía. Prefírote real. Con sombras. Con contradicións. Con lugares onde non me deixas entrar. Hai algunha sombra en ti —ou no que imaxino de ti— que me mantén alerta. Inquedo. Esperto.

Escríboche isto porque escribir é unha forma de achegarme a ti sen tocarte. E a distancia, cando hai desexo, tamén é unha forma de erotismo. Non todo desexo quere corpos. Algúns só queren durar. Queren imaxinar o teu corpo espido sen tocalo. Queren deixarte sen roupa dentro da mente.

Non busco que me respondas. Nin sequera que me leas con agarimo. Bástame con que existas nun pensamento meu e que quizais eu exista nun teu. Aínda que sexa un segundo. Aínda que sexa co corpo.

Se algunha vez sentes que alguén te mira desde as palabras, sen mans, sen ollos, con paciencia, imaxina que son eu. Pode que sexa eu escribindo outra vez, sen saber se estás onde te imaxino.

Esta é a miña maneira de dicir: non che debo nada, non me debes nada, pero cando a miña mente te espida en silencio, o mundo vólvese un lugar moito máis lento. E moito máis perigoso.

Visitas: 0

FEITIZO

A palabra feitizo non está aquí por casualidade, non señor. Coouse voando en vasoiras, aparcou con descaro no meu teclado e díxome insolente: «escribe sobre min, escribe!».

Eu sempre pensei que a literatura tiña algo de maxia, pero non desa maxia de magos con capa brillante e fume sospeitoso, senón da maxia humilde, a das pequenas transformacións, a das aldeas, a dos lugares con encanto por si sós… como cando metes un calcetín gris na lavadora e sae rosa sen que ninguén o autorizara.

Un feitizo non cambia o mundo, pero pode cambiarche un día enteiro. Pode converter unha dor nunha dorciña manexable, como cando das un golpe no dedo maimiño e sobrevives. Pode facer que un recordo deixe de pinchar ou que unha emoción se acenda como unha lámpada LED de baixo consumo. Eu busco iso: non grandes revelacións tipo «descubrín o sentido da vida!», senón pequenas claridades, como atopar por fin as chaves que levabas na man.

O feitizo que eu coñezo fala e cura o amor, si, pero non do amor perfecto das películas onde ninguén súa, ninguén ronca e todo o mundo ten pestanas quilométricas. Fala do amor que doe, do que chega tarde, do que se perde polo camiño porque se entretiña mirando escaparates, do que se lembra máis do que se vive… ese amor que te deixa o corazón como un acordeón despois dunha verbena.

O feitizo tamén fala da soidade, pero non como castigo, senón como territorio propio, como un piso pequeno pero acolledor onde podes andar en calcetíns e ninguén te xulga. Ás veces estou mellor aí que en calquera compañía, sobre todo se a compañía mastiga forte.

E, por suposto, o meu feitizo fala da terra, de Galicia, que sempre está de pano de fondo, de protagonista ou de convidada sorpresa. Galicia é un sentimento máis, un feitizo máis, unha presenza que me acompaña incluso cando non a nomeo… como o cheiro a polbo que se che queda na roupa despois dunha boa «jartá», como di unha amiga sevillana cada vez que a levo ao O Sendeiro de Santiago de Compostela, onde serven un laminado á feira incomparable.

Pero non te esquezas do queixo de San Simón á prancha, remata sempre. 

Visitas: 0

DESPEDIDA

Erguícheste calada, ferida e espida, mentres eu consumía un café xélido que me levou ao paraíso dos orgasmos sen pracer. Miráchesme con ollos cheos dunha caduca luxuria. E vin a frialdade do teu corpo. Espido, pero xélido. O teu tempo pasou, dixéchesme cunha mestura de indignación, sensualidade e condescendencia. E eu crino coa xenerosidade dos pusilánimes derrotados. Deixáchesme só. Aínda sigo así no noso cuarto. 

Visitas: 0

CONTRA O ESQUECEMENTO

Espimos os nosos corpos como quen deixa caer o último recordo do día. A noite pechou a porta e quedamos dentro do silencio. A túa pel era unha casa antiga e as miñas mans entraban amodo, como quen volve a un lugar que amou. Fóra chovía, ou quizais a chuvia eramos nós. Abrazámonos para non desaparecer, para enganar ao tempo, para que a soidade tivese, polo menos, forma de corpo. 

Visitas: 0

EXPLICACIÓN E PRÓLOGO DE «XA NON É DÚBIDA»

No ano 1995, con data do 94, publiquei, en autoedición, un libro titulado Xa non é dúbida nunha editorial que non cumpriu dous acordos establecidos: unha corrección de galeradas en condicións e unha distribución dos 300 exemplares editados. Eu cumprín a miña parte pagando unha cantidade de pesetas nada desdeñable. Non houbo distribución por parte da editorial e un bo día atopeime na miña casa, ao volver do traballo, tres caixas cos 300 exemplares.

Quixen distribuílos eu, pero o que fixen foi unha «cutredistribución» —o meu coñecemento desta actividade era, e é, nulo— e conseguín vender 76 exemplares. O resto, si, o resto, regaleinos a familiares, escritores, cantantes, concelleiros de cultura dunha infinidade de concellos… Foi unha «xenerosa inversión» a asumida por min: sobres de gran calidade e selos para os gastos de envío a case todas as cidades e vilas de España. A cifra foi mareante. Especialmente doeu moitísimo o maioritario silencio que recibín.

Inciso: lembroume a Johan Cruyff cando, o 17 de febreiro de 1974, nos deixou calados «in situ» a todo o madridismo ao marcar o terceiro gol, creo, nunha das derrotas máis dolorosas do Madrid fronte ao Barça.

Foi como unha labazada de realidade: a moi pouca xente lle interesa a poesía. ¿Tampouco á túa familia? Corramos un tupido veo.

Aquí teño que facer mención a dúas librarías que levaron a medalla de ouro e a de prata en agradecemento ao labor publicitario que exerceron.

A libraría Pérgamo, sita na rúa General Oraá 24, rexentada por dúas irmás, especialmente a maior, Lourdes. Esta muller publicitou o meu libro no escaparate, proclamouno a voz en berro e vendeuno cunha desbordada xenerosidade. Eternamente agradecido. Se algún día lese esta entrada, gustaríame que soubese que o meu agradecemento non coñece límites temporais.

En segundo lugar, a entrañable Rubiños 1860, sita na rúa Alcalá 98, onde o dono me permitiu ter no escaparate durante quince días o meu libro. Como é normal nesa zona, o «triángulo chuchón» devorouna, evaporando o ancestral e engaiolador aroma dos libros que exhalaba, por moito que dixesen que manterían o espírito da libraría nun lugar prominente do xigantesco edificio que posúen. Non é o mesmo.

Sen estas dúas librarías, ¿cantos libros tería vendido? Ningún.

O libro Xa non é dúbida, incorporado agora a Poetario (1994-2026), recompilación de todos os meus poemas en prosa, foi prologado —a parte máis importante do libro— polo catedrático da Complutense, e profesor meu, Eduardo Tejero Robledo, xa tristemente falecido. O meu agradecemento tamén é eterno.

A MODO DE PRÓLOGO.- «XA NON É DÚBIDA»

En José María, a dedicación poética é vocación sostida, non pasatempo efémero, e logos paliativo para a soidade de quen cre andar necesitado de comunicación. Á marxe do hedonismo ao uso, xa que rende de novo o malestar da cultura, este mozo inquire, busca, golpea coa palabra e coa imaxe depurada para atopar camiños na muda desesperanza.

Como profesional da literatura que exerce e como poeta responsable, acumulou lecturas de clásicos sempre redivivos: Rubén, Aleixandre, Cernuda, Dámaso e outras moi respectables compañías. Neles bebeu o esencial poético, a saber, a interrogación retórica fronte ao mundo e a pregunta íntima, tan lacerante ás veces, reservada á vida cotiá.

Ítem máis, o dominio da forma, xa canalizada na rima asonante ou fluíndo ritmicamente no verso libre. Así o demostra en tantos poemas de Xa non é dúbida e de varios inéditos que por xenerosa amizade cheguei a coñecer.

Se os títulos son premonición e aviso de camiñantes, pode verse unha temática reiterada para quen se considera buscador de sombras e pasa a noite escura da alma: Tempo de silencio, A soidade amparada, O túnel do amor, Memorias nocturnas, Disfrace nocturno, Setembro negro, Sondaxes nocturnas, Peregrinación humana, Nocturno, outra vez.

A poesía, que Juan Ramón desexaba para a inmensa minoría, é brisa e catarse en días de incerteza. Teñamos aos poetas respecto reverencial, pois eles escudriñan e alumean o tenebroso labirinto que somos.

José María, bo amigo, oxalá perseveres en tan firme e sincera escritura e recibas o asentimento e a acollida cordial que en xustiza mereces. E alá vai a despedida co sabrazo dos teus versos máis propicios e alentadores:
Que ninguén desdeñe o meu contento, que ninguén vulnere a miña celosía.

Eduardo Tejero Robledo, catedrático na Universidade Complutense 

Visitas: 0

MALGASTADOR DE SOÑOS

Infinitas palabras ao vento, mil e un debuxos que alivian xenerosos como un avezado faquir o meu vital desacougo. Infinitas palabras ao vento, que tornan vestidas de azuis agoiros e forxan férreos elos na fragua dos meus alicerces. Infinitas palabras, como mil e unha bolboretas que irradian incombustibles na miña pertinaz loita, cal tregua en pleno apoxeo. Ao fin e ao cabo, tan só iso, infinitas palabras ao vento que ninguén quere compartir, que ninguén quere ler e que non me deixan durmir. 

Visitas: 0

A MIÑA VOZ EN SILENCIO

Non quero ser un berro nin un canto. Quero ser sombra tranquila, presenza que permanece cando todos marchan. Escribo sen retorno, como quen garda unha carta que nunca será enviada. Pola noite camiño pola miña casa como por un libro pechado, e cada habitación é un recordo que respira. O silencio non está baleiro, está cheo de nomes, de pasos que xa non volven, de palabras que non chegaron a dicirse. A miña voz en silencio é só isto: converter a ausencia en algo que permaneza. 

Visitas: 0

ILUSIÓN NOCTURNA

A ilusión, no amor, é facer e perceptible ao sentido do tacto (desordenado pracer de algodón a túa pel) o saboroso lume que nace ebrio na caluga; e que, tras un espasmo en forma de chama gozosamente excitada, móstrame tanxible na súa sensual man a cinza dun excitante que xamais ardeu en realidade. Todo é un bucle de fantasmagorías que gravitan espidas de realidade nunha nube de pel desaparecida e xamais acariñada. E despois, cando todo sexa unha realidade incorpórea, ti e máis eu poderemos facer dese anhelado soño algo real e pracenteiro. 

Visitas: 0

A POESÍA

A poesía non se escribe, escóitase como se escoita o mar dentro dunha buguina. Vive en libros vellos, en páxinas dobradas, na prosa esquecida que ninguén volve ler. Habita nos días iguais, na chuvia sobre os cristais, nos camiños de terra, nos recordos que volven sos. A miña poesía non berra, é unha luz acesa nunha casa baleira, unha voz baixa que fala coa memoria. Nace en Madrid, pero camiña por Galicia, entre néboa, mar e pedra. Escribo para que o tempo non borre do todo o meu paso.

Visitas: 0

A POESÍA COMO UN BISTURÍ

Son fillo dun cirurxián. Desde neno aprendín a mirar as mans do meu pai, firmes e delicadas, capaces de abrir a carne con precisión e, ao mesmo tempo, de pechala con tenrura. Ese xesto, esa disciplina do bisturí, converteuse nunha ensinanza que me acompaña ata hoxe. Eu non opero corpos, pero opero palabras. Na aula, cando ensino, e na miña escritura, cando me espido, o bisturí transfórmase en metáfora: cortar, abrir, explorar o oculto, e logo suturar coa delicadeza de quen sabe que cada ferida precisa tempo para cicatrizar.

A poesía é a miña cirurxía íntima. Cada palabra abre unha capa da miña alma, cada verso é incisión, cada frase unha sutura que intenta recompoñer o que se rompeu dentro de min. Escribir é a miña maneira de resistir, de recuperar un fragmento de silencio entre o ruído, de darlle voz ao que quedaría sepultado baixo o peso da cidade e da vida.

Son un home triste e melancólico, habitado pola sombra da morriña e o peso dos fracasos. Pero tamén son fillo dunha disciplina que me ensinou que mesmo a ferida pode ser camiño de coñecemento. A poesía permíteme transformar a tristeza en palabra, a melancolía en música, o fracaso en cicatriz que brilla.

Madrid resúltame dura, coma se cada rúa me devorase pouco a pouco. A cidade engúleme co seu ruído, coa súa velocidade, coa súa indiferenza, e eu síntome perdido entre multitudes que non me ven. Escribir convértese no meu refuxio, na miña maneira de recuperar un espazo íntimo onde a palabra xorde lentamente, como unha ferida que busca cicatrizar.

Galicia é o fío invisible que atravesa cada liña. Na súa terra e no seu mar moran os meus recordos e a miña voz. Alí aprendín que a morriña non é só dor, senón tamén raíz, memoria, pertenza. A poesía úneme a esa terra, devólveme ás súas augas, recórdame que mesmo lonxe sigo habitado por ela.

A poesía é confesión e bálsamo. É bisturí e cicatriz. É o espazo íntimo onde a palabra se converte en sostén, nunha columna invisible que me impide caer. É a miña maneira de abrirme, de deixar que outros entren na miña ferida e recoñezan nela a súa propia historia.

Quen se achegue á miña poesía atopará fragmentos de vida, retallos de dor e de esperanza, confesións que quizais tamén lle resulten propias. Porque escribir é compartir a intimidade, a morriña, os fracasos e as pequenas luces que nos sosteñen no medio da escuridade.

A poesía, para min, é iso: un bisturí que corta e revela, unha sutura que recompón, unha cicatriz que brilla na memoria. É a miña maneira de dicir que sigo vivo, que sigo buscando, que sigo aprendendo a transformar a ferida en palabra e a palabra en luz. 

Visitas: 0

O SEXO

O sexo, cando arde amodo e se deixa medrar, non é só un encontro: é unha tensión que se estira entre dous corpos que xa se escolleron antes de tocarse. Hai algo eléctrico nesa proximidade, na maneira en que a pel anticipa o que virá, en como unha mirada pode percorrer máis ca unhas mans. E cando por fin acontece, non estala, senón que se desliza, se enrosca, constrúese coma un lume que sabe durar.

Achegarse á muller nese territorio é entrar nun ritmo que non se domina, que se segue. É aprender a ler as súas pausas, a forma en que o seu corpo responde, como se abre e se recolle coma unha respiración viva. Non hai présa, porque o pracer faise máis denso cando se alonga, cando se roza o suficiente para que cada intre pese máis. E nese xogo, un deixa de ser un mesmo para converterse en parte dun latexar compartido.

Todo ten música aí dentro: o movemento, a tensión, a maneira en que o desexo sobe e baixa coma unha marea morna. O sexo non é só pracer, é unha especie de vertixe suave que conecta con algo antigo, algo que empurra dende dentro con insistencia. E cando remata —se é que realmente remata— queda esa sensación suspendida, coma se o tempo respirase máis fondo, coma se por un intre a vida marcara o seu ritmo co corpo.

Visitas: 0

CARALLADA

A palabra carallada é unha das expresións máis versátiles e expresivas do galego coloquial, derivada de carallo, que tamén ten múltiples usos na lingua popular. O seu significado varía segundo o contexto, o ton e a intención do falante, podendo transmitir desde diversión ata desprezo ou irritación.

Nun sentido positivo, carallada pode referirse a unha festa ruidosa, unha folga ou unha celebración desinhibida, como cando se di: «Fixemos unha carallada que durou ata o amencer». Neste caso, é sinónimo de esmorga, foliada ou troula, evocando momentos de alegría compartida.

Por outro lado, carallada tamén se emprega para designar cousas sen importancia ou tolerías, como en «Non me veñas con caralladas», onde se expresa fastío ou desinterese ante comentarios ou accións que se consideran irrelevantes ou absurdas. Neste uso, aproxímase a termos como parvada.

Noutros contextos, carallada pode ter unha carga máis crítica ou negativa, referíndose a algo mal feito, ridículo ou sen sentido: «Ese proxecto é unha carallada». Aquí, a palabra funciona como un xuízo contundente, sinalando a inutilidade ou a falta de seriedade dunha proposta ou situación.

Tamén pode usarse carallada para nomear obxectos pequenos, triviais ou sen valor, como en «Comprei unhas caralladas na feira», onde se alude a cousiñas decorativas ou curiosidades sen gran relevancia práctica.

En resumo, carallada é unha palabra que encapsula a riqueza expresiva do galego falado. Pode ser divertida, crítica, afectuosa u ofensiva, segundo como e onde se diga. É un exemplo claro da capacidade da lingua para transmitir emocións e matices con forza e autenticidade, e forma parte do patrimonio lingüístico que define a identidade galega. 

Visitas: 0

SUXESTIÓN NOCTURNA

Rompe dunha vez co teu pasado, deixa que caia como po vello entre as túas mans abertas. Esquece esa muller que habita na túa mente como un eco que non lle pertence. Camiña lixeiro, sen cadeas invisibles, coa alma limpa da súa sombra. Goza o instante coma se fose un lume breve e necesario que te fai renacer. Vive, e permite que os teus desexos máis íntimos respiren libres, sen medo nin culpa. 

Visitas: 0

ALGO VELLO, PRA MIN NOVO

Escribir poemas en prosa e a conversión a esta forma de toda a miña obra literaria non é só unha elección técnica. É unha maneira de falar sen corsé, de deixar que a emoción marque o ritmo, e non o verso. É escribir como quen conta unha historia xunto ao lume: con pausa, con verdade. Porque hai versos que non saben a poema, e hai sentimentos que piden un camiño amplo, como os que atravesan a serra sen mirar atrás.

A prosa poética é ese camiño. Para quen ve poesía nun instante, nun recordo, nunha canción que se perde entre as pedras. Para quen sabe que a beleza sempre toca.

Aquí, en recuncar.com, e co recordo de Galicia, aprendo a contalo todo coa sal e coa brétema da vida. Na miña poesía río, choro, suplico, admiro, bailo, envexo, boto de menos, canto… mesmo cando chove no meu corazón. Escribir así é tamén iso: unha forma de galeguidade desde Madrid, de facer da palabra un refuxio, de expandir o verso na prosa, de dixerir todo tipo de emoción ata que se volve ritual. A pel que fala de min non precisa sílabas para emocionar. Só precisa verdade. E tempo para que ti a leas só ou en compañía.  

Visitas: 0

A SANTA COMPAÑA «DE COÑA»

Din que a Santa Compaña percorre os camiños galegos en silencio, portando velas, cruz e penitencia. Mais iso era antes. Hoxe, a procesión espectral evolucionou. Xa non busca almas: busca cobertura móbil, un café de pota e alguén que saiba usar Google Mapas.

Á cabeza vai a alma en pena, vítima non do pecado, senón do estrés laboral. Leva unha tableta acesa, buscando sinal entre os eucaliptos. Séguelle unha comitiva de veciños que se apuntaron por erro, pensando que era unha excursión do Imserso con merenda incluída. O portador da cruz xa non arrastra madeira: leva unha cruz de LED con bluetooth e altofalante incorporado, reproducindo cantigas de Amancio Prada en bucle. O can negro, antes símbolo do máis alá, agora chámase Chipichospis e leva un abrigo impermeable con estampado de grelos.

A ruta oficial vai do cemiterio ao bar de Manolo, pasando pola taberna de Maruxa. Detéñense cada 300 metros para pedir lume, aínda que todos son incorpóreos. Se chove, suspéndese. A Santa Compaña non sae sen paraugas nin chuvasqueiro, aínda que estea homologado pola Xunta. En caso de néboa, actívase o protocolo de emerxencia: todos en fila, agarrados a unha corda fluorescente, coma nunha excursión escolar.

As normas son claras: non se aceptan vivos sen sentido do humor. Recoméndase levar empanada para compartir e evitar cruzarse coa procesión se estás en pixama.

Se te atopas con eles, non fuxas: probablemente che pidan o contrasinal do wifi ou che ofrezan un folleto de propaganda do seu novo canal de TikTok: @CompañaFantasma.

E se sobrevives ao encontro, non te convertes no novo guía. Convérteste no CEO da Santa Compaña, encargado de actualizar o seu perfil, responder comentarios do tipo «Onde estades esta noite?» e subir selfis espectrais con filtro de néboa.

Porque en Galicia, mesmo os mortos teñen axenda. E sentido do humor. 

Visitas: 0

A SANTA COMPAÑA

A «Santa Compaña» é unha das lendas máis misteriosas, arraigadas e fascinantes do folclore galego.

É unha procesión espectral de ánimas en pena que percorren os camiños dunha parroquia durante a noite. A súa aparición adoita anunciar unha morte ou unha desgraza, e está sempre envolta nun ambiente de néboa, arrecendo a cera e ao son dunha campaíña. Curiosamente, non son só espíritos: a procesión vai guiada por unha persoa viva, condenada a levar unha cruz e unha vela. Esta persoa está baixo unha maldición e só pode liberarse se consegue pasar a cruz a outro mortal. A crenza na «Santa Compaña» ten raíces na Idade Media e está vinculada a tradicións europeas sobre procesións de mortos.

En Galicia, tamén se coñece por outros nomes, como «Estantiga», especialmente na zona de Ourense.

A expresión «Santa Compaña» pode proceder do latín sanctam cum pania, que algúns interpretan como «os que comen do mesmo pan», aínda que esta etimoloxía é moi discutida.

Se te atopas coa «Santa Compaña» nun camiño galego envolto en néboa… o mellor que podes facer é evitar coller a cruz que che ofrece o vivo e debes responder con firmeza: «Cruz xa teño» e cruzar os brazos en forma de cruz. Isto obrígao a seguir o seu camiño. Ademais, debes portar unha cruz, unha estampa dun santo ou unha figa (amuleto en forma de man) que pode protexerte da súa influencia.

Hai aldeáns que contan como, ao pasar por un cruceiro en plena noite, sentiron un vento repentino e viron unhas luces en procesión que se apagaban ao achegarse. Un deles asegura que se protexeu facendo un círculo no chan e rezando, e que a comitiva pasou sen detelo, mais di que nunca volveu camiñar só de noite por aquel camiño. 

Visitas: 0

BREOGÁN

Cando penso en Galicia, non penso só nun lugar do mapa. Penso nun xeito de mirar o mundo.

Galicia é néboa e é luz. É o rumor constante do Atlántico, o verde profundo dos montes, a pedra antiga das aldeas e o silencio que habita nos camiños. É tamén memoria: memoria de quen viviu antes, de quen partiu e de quen, xeración tras xeración, seguiu nomeando a terra como algo propio. Este texto nace desa memoria, aínda que hai coñecidos meus que se empeñan en lembrarme que eu non teño nada de galego.

Breogán evoca unha figura mítica que, máis alá da lenda, representa unha raíz profunda da cultura galega. Breogán é símbolo de orixe, de identidade e desa antiga conciencia atlántica que conecta Galicia con historias e pobos que sempre miraron cara ao mar.

Mais este texto non pretende falar dende a historia erudita nin dende a lenda afastada. Pretende falar dende a experiencia, dende o recordo, dende as pequenas escenas que forman a vida dunha terra. Porque Galicia vive nos grandes relatos, si, mais tamén nos detalles: nunha conversa ao solpor, no arrecendo da chuvia sobre a terra, no son dunha campá que marca o paso do tempo ou na lonxanía que doe cando se palpa nesta terra de seca e calor abafante.

Estas palabras son, dalgún xeito, un intento de escoitar. Escoitar o que me din os lugares, o que me din as persoas, o que me di a memoria. E converter esa escoita en palabras.

Quizais por iso o título suxire palabras. Non son só palabras escritas: son palabras herdadas, palabras escoitadas na infancia, palabras que viaxaron con quen emigrou e palabras que regresan sempre, como regresa o mar á costa.

Se Breogán simboliza a orixe, este texto quere ser un eco contemporáneo desa orixe: un pequeno testemuño do que Galicia foi, é e seguirá sendo para quen sente a súa presenza máis alá da distancia.

Porque Galicia non é unicamente un territorio. É unha forma de pertenza.

E tal vez, ao final, estas palabras non sexan só de Breogán, senón tamén de todos aqueles que, dun xeito ou doutro, seguimos sentíndonos fillos desta terra atlántica. 

Visitas: 0

TRES CITAS EN GALEGO SOBRE A LECTURA

A lectura é un milagre que nos abre portas a mundos descoñecidos. Cada libro é unha fiestra de luz que ilumina a nosa imaxinación. A través das palabras viaxamos sen mover os pés. Os contos e as historias ensínannos a soñar e a comprender mellor a vida. Ler é un agasallo que alimenta a mente e enriquece o corazón.

A tristura que producen os que denostan os libros é fonda e silenciosa. Cando alguén menospreza a lectura, semella que apaga unha luz no mundo. Os libros gardan soños, memoria e sabedoría que nos fan medrar. Desprezalos é pechar portas á imaxinación e ao coñecemento. Esa actitude deixa un eco frío onde podería haber palabras e esperanza.

As casas libros enchen o corazón de ledicia e imaxinación. Entre as súas páxinas viven historias que nos fan soñar sen límites. Cada recuncho gardado nun libro é unha porta aberta a novos mundos. O recendo do papel e o silencio compartido traen paz e felicidade. Nunha casa con libros, a alegría medra coa forza das palabras. 

Visitas: 0

SOÑAR GALICIA

Eu tamén quero soñar Galicia. Cando neno, soñaba cunha Galicia castelá. Unha Galicia que non falaba galego, agás nesas situacións excepcionais nas que a lingua de Rosalía convertíase nun exemplo case arcaico museístico de manifestación literaria do rural. Era unha Galicia que pensaba, falaba e actuaba na lingua de Cervantes, xa que era a que outorgaba ós galegos ese falencioso prestixio que con tanta ardencia desexaban algúns. Había que tollermos o acento galego porque «o correto» era falar sen a musicalidade nin os erros das campás de Bastavales. E xa non digamos se falábamos con alguén de fóra, daquela o propio era limparmos de xiros rurais e excepcións paifocas, trocando o galego nun gaspallo inevitábel dos nosos antergos. Iso si, se queríamos facer un exercicio de mergullamento en pobo (como dícía Unamuno) ou folgar coa literatura «popular», «collíamos con pinzas» a nosa lingua nunha mostra de toleranza e respecto para con ela. Uns intres de esparamexos en galego non podían «prexudicar seriamente a nosa saúde lerdamente capitalina». Bo, para ser xustos, o meu tío Filoso e mailo meu avó Lois eran dous verdadeiros crentes, e actuantes, do galego. Con eles comecei a espertar e a soñar en galego. Eran a nota do snobismo madrileño? Eran dúas senlleiras illas nunha marusía castelanizante? Non cho sei.
Cando mozo, soñaba cunha Galicia de esmorga e troulada. En Madrid facíamos un meticuloso proxecto das diferentes etapas da nosa xira gallifeira. Por falar, comezábamos coas festas do Apóstolo e rematábamos coas de San Ramón no Tremo. Corenta días de berros, foguetes, romarías, viño, gaitas e gargalladas escachantes. Algúns días, a choiva mesturábase co cheiro do polbo á feira; e os churros, correúdos pola humidade, sabíannos entón a toxos e aroma do campo da festa. ¡Deus, que pracer! Certo é que a festa da Peregrina era a festa da comarca. «Movilizaba» miles de persoas e por ela mesma prestixiaba á orquestra que participaba nela. Non había liortas nin leas violentas, soamente algunha que outra roñadela, produto da efusividade da nosa falangueira vida. Certo é que entón foi cando eu comecei a concienciarme (a Deus grazas!) dalgunhas cousiñas da «problemática galega». Como di o refraneiro, «co tempo maduran as uvas vagas». Os libros e o falar coa xente da aldea fixeron o resto. Cando…, hoxe, mellor dito, soño algo moi diferente. Soño cunha Galicia ergueita e propia de seu. Unha Galicia na que non cumprisen mergullamentos lingüísticos nin discriminacións positivas de persoas ou linguas. Unha Galicia na que fose, para todos, un privilexio falar unha lingua coma a nosa. Unha Galicia que soubese campar das súa peculiaridades sen ter que pedirlles perdón ós que as rexeitan por badocas. Unha Galicia que fose respectada por esa minoría de veraneantes que chegan cada ano con tanta borra e tan pouca planta e que fan en certas vilas de verán o que xamais farían na costa leste da península. Unha Galicia sen paro, sen contratos lixo e sen violenza de calquera clase. Unha Galicia na que non existan arbitrariedades, nin atropelos, nin iniquidades, nin ilegalidades. Unha Galicia solidaria, aberta ó mundo e enchoupada das novas que veñan de calquera recanto afastado do mundo. Unha Galicia moderna, ben comunicada e na que ninguén sentise o menor arredamento por mor da súa ideoloxía. Unha Galicia baldeira de tópicos. 

Visitas: 0

A LINGUA GALEGA

Muller viva, única, feita de carne e vento, corpo de segredo e de nostalxia, levas no alento palabras que só os corazóns feridos saben descifrar. Achégome a ti cos ollos erguidos, buscando no ceo un xardín de roseiras limpas, e traio nos beizos un canto nacido no colo da túa estrela.

O rumor da túa pel roza a miña, e un pracer antigo, profundo, percorre cada recuncho do meu corpo. Sei que aínda é cedo para falarche dun bo guiso ou dunha fragua de penas ben traballada. Mais o meu peito está cheo de queixas doces, de soños espidos e de quimeras que apenas botan folla.

Estou fronte a ti, espido de medo, cheo de esperanza, coa certeza de que un día tomarás as miñas mans e recoñecerás nelas o lume da paixón que me habita. Por iso desexo que alguén —unha muller coma ti— queira escoitar, no segredo da miña alcoba, o branco rumor dunha cantiga ben feita, semente viva da nosa terra.

Silencio de mosteiro. Ninguén me escoita. Ninguén me fala. Só o latexar dos teus peitos soñados, velados, que rozan os meus beizos como caricias de vento. 

Visitas: 0

NÓS

Discutimos sobre a vacuidade do ser humano, dicímonos ata logo cando o outro dicía agora, pertencemos a un outono de praceres xa caducos, somos mortais, como todos, e agardamos a eternidade en cada pegada que acariciamos, mais seguimos acendendo luces contra a noite, coleccionando instantes que o tempo esquece pronunciar, erguendo refuxios de palabras sobre a area dos días, aprendendo que tamén a perda ten a súa música, e que ás veces abonda unha man tendida para que o abismo se converta en camiño. Porque, ao final, non fomos máis ca unha breve chuvia, unha respiración compartida entre dous silencios, mais mentres durou o milagre, soubemos chamarlle vida. 

Visitas: 0

O INCENDIO

Mirábanse coma se o mundo fose acabar: con urxencia, con lume, coa certeza de que cada segundo contaba. Eran dúas chamas bailando no medio do incendio, sen pensar no fume nin nas cinzas. Cando todo rematou, non souberon apagar o lume. Seguiron ardendo, pero xa non xuntos. Cada un converteuse na súa propia fogueira de recordos.

Visitas: 0

MIL CAUSAS

Por transitar bordeando un cantil do que ninguén regresa, por viaxar de forma inhóspita a lombos dun galope de soños, por asubiar unha melodía irrecoñecible en interminables madrugadas, por empeñarme en escribir un epitafio no patíbulo de mil crebacabezas, por adornar con flores profanadas o efémero da miña ledicia, por… por todo iso fuxo cando a pegada duns pés espidos se fai muller na miña presenza. 

Visitas: 0

DAQUELA

A nostalxia ten en Madrid un sabor distinto, coma se o aire seco da meseta lle roubara un chisco de humidade ás lembranzas. Mais, aínda así, hai días nos que a saudade medra con forza e tráeme, case sen aviso, os veráns de hai moito tempo, aqueles dos anos sesenta e setenta nas aldeas de Bertamiráns e Vedra, no interior da Coruña. É entón cando a distancia deixa de ser só xeográfica e convértese nunha ferida doce, que doe e reconforta ao mesmo tempo.

Recordo as mañás que comezaban cedo, cando o sol apenas asomaba por riba dos montes e xa se escoitaba o cantar dos galos. A luz era diferente, máis branda, filtrada entre carballos e castiñeiros, e o cheiro da terra mollada pola orballada quedaba pegado á pel coma unha segunda roupa. Non había présa, nin reloxo que marcase o ritmo do día; era a natureza quen mandaba, quen decidía cando traballar e cando descansar.

As casas, de pedra fría no inverno e fresca no verán, gardaban historias nas súas paredes. Na cociña, o lume nunca se apagaba de todo, e arredor del xuntábase a familia para falar, para calar, para simplemente estar. Había un silencio cheo de vida, interrompido polo crepitar da leña ou polo ruxido distante dalgún tractor que pasaba polo camiño de terra. A televisión, cando chegou, era pouco máis que unha curiosidade; o verdadeiro espectáculo estaba fóra, nos campos e nos ceos abertos.

As tardes eran longas, interminables. Os nenos corrían polos prados, xogaban entre as leiras, subían ás árbores e volvían á casa coas mans sucias e os xeonllos marcados. Non había medo, ou polo menos non o recordo así; había liberdade, unha liberdade sinxela, feita de espazo e de tempo. As nais chamaban desde a porta, e ese berro —co nome dito con forza— era o sinal de que o día comezaba a rematar.

E despois viñan as noites. Ai, as noites de verán nas aldeas galegas… O ceo enchíase de estrelas, tantas que parecía imposible contalas. Non había luces que as apagasen, e cada unha delas brillaba con unha claridade que en Madrid semella imposible. Sentados fóra, en cadeiras baixas ou directamente na herba, escoitabamos historias: de meigas, de lobos, de tempos aínda máis antigos. O medo mesturábase coa fascinación, e o mundo facíase máis grande e máis misterioso.

Tamén estaban as festas, claro. A música da gaita e do tambor, o cheiro a polbo e a churrasco, as risas que se prolongaban ata altas horas. As romarías eran encontros de xente, pero tamén de emocións: reencontros, promesas, despedidas. Bailábase sen técnica pero con alma, e cada paso era unha celebración da vida compartida. Aqueles momentos ficaron gravados cunha intensidade que o paso do tempo non conseguiu borrar.

Agora, desde Madrid, todo iso semella pertencer a outra vida. As rúas son máis ruidosas, os días máis rápidos, e as noites, aínda iluminadas, teñen menos estrelas. Aquí tamén hai beleza, non se pode negar, pero é distinta, máis urbana, máis apresurada. Ás veces, no medio do bulicio, pecho os ollos e tento volver a aqueles veráns: ao tacto da herba baixo os pés descalzos, ao sabor do pan acabado de facer, ao son distante dunha campá que marcaba as horas sen urxencia.

A saudade non é só tristeza polo que xa non está; é tamén unha forma de amor, unha maneira de manter vivo aquilo que nos fixo quen somos. Levo comigo esas aldeas, esas xentes, eses veráns, aínda que os quilómetros e os anos se interpuxesen. E quizais sexa iso o máis importante: saber que, malia todo, hai lugares aos que sempre se pode volver, aínda que sexa só coa memoria.

Porque, ao final, a nostalxia non é máis que iso: unha viaxe interior, un regreso sen billete nin maleta, onde cada lembranza é un fogar ao que volver cando o presente se fai demasiado alleo. E así, desde Madrid, sigo escoitando —moi ao lonxe, pero con claridade— o eco daqueles veráns que nunca marcharon de todo.

Visitas: 0

MANIFESTO POLA DIGNIDADE DO GHALEGO DA CASA

Boas noites, veciñas, veciños e demais fauna autóctona. Estamos hoxe aquí reunidos non para discutir de política, nin de fútbol, nin de quen fai mellor a empanada —anque todos sabemos a resposta—. Estamos aquí por algo máis importante: defender o noso ghalego. O de verdade. O que non se aprende en cursiños nin en PDFs. O que nace no palleiro, na lareira e no banco de pedra diante da casa.

Porque nós non dicimos «gracias. Nós dicimos «ghracias». Non dicimos «gato». Dicimos «ghato», que parece que o animal xa sae máis espelido. E non é un defecto. É unha marabilla acústica. A gheada non é falar mal. Falar mal é pedir un café «take away» en Melide. A gheada é música de aquí. É o vento entrando pola porta da cociña. É o son das rodas do carro na lama. É a voz da nosa xente cando aínda non lle daba vergoña soar a aldea.

Porque ese é o problema: quixeron convencernos de que falar coma os avós era falar peor. E nós vimos hoxe dicir que non. Que peor é falar todos igual. Que peor é un idioma sen barro nas botas. Que peor é un galego tan perfecto que parece embalado ao baleiro. Nós queremos un galego con patacas na terra. Con galiñas cruzando polo medio da conversa. Con palabras que non saen no dicionario pero si na memoria.

Queremos o galego que che pregunta: «E logho, xa comiches ou vas morrer en pecado?».

O galego que distingue entre orballo, poalla, babuxa e «cae unha auga que manda nabo».

Porque cando morren esas palabras, non morre só unha maneira de falar. Morre unha maneira de mirar o mundo. E nós non estamos dispostos.

Non queremos pedir permiso para falar coma aprendemos. Non queremos que nos corrixan desde unha oficina con calefacción. Nin que nos miren raro por dicir «ghaliña» mentres eles din «galiña» coma quen le unha etiqueta do xampú.

O noso «ghalego» ten curvas. Ten toxos. Ten retranca. Ten interrupcións porque pasou un tractor. E sobre todo ten vida.

Así que hoxe facemos aquí un xuramento solemne: seguir falando como nos pete. Con gheada. Con seseo. Con palabras herdadas. Con expresións imposibles. Con acentos que non pasan auditorías. Porque a lingua non é un museo. É unha leira. E as leiras hai que traballalas, non plastificalas.

Que viva o «ghalego» da Maía. O de Vedra. O das aldeas. O das tabernas.
O das avoas que nunca estudaron filoloxía, pero sabían exactamente como había que dicir as cousas. E que nunca nos falte unha boa palabra da casa… nin alguén que a pronuncie con orgullo.

Moitas «ghracias».

Visitas: 0

MANIFESTO PERSOAL DO GHALEGO OU PREGHÓN DUNHA ALDEA QUE XA NON EXISTE

Saúdo inicial.- Boas tardes a todos, veciños, amigos, e tamén a aqueles que viñestes de fóra atraídos polo cheiro do polbo e o son da gaita. É para min un orgullo que non me cabe no peito estar hoxe aquí, subido a este estrado, para dar comezo ás festas desta aldea que non está nos mapas.

Cando me chamaron para facer o pregón, o primeiro que pensei foi: «Ai miña nai, e agora que lles digo eu a esta xente?». Porque aquí todos nos coñecemos, e un non pode vir aquí con palabras raras nin aires de sabichón. Por iso, hoxe quero falarvos do que nos une: da nosa fala. Pero non da que sae nos libros de texto con moito acento e moita norma, senón da nosa, da que usamos para pedir un viño ou para berrarlle ás vacas cando se saltan ao prado do veciño.

Defensa do galego natural.- Hai quen di que o galego hai que falalo con moito xeito, sen «castelanismos», con todos os acentos no seu sitio e as «h» aspiradas onde mandan os señores de Santiago. E home, a norma está ben para as leis e para a televisión, pero a lingua de verdade, a que ten alma, é a que herdamos dos nosos avós.

Esa lingua que nos ensinou que non é o mesmo estar «farto» que estar «farto de todo», nin é o mesmo un «carallo» de sorpresa que un «carallo» de cabreo monumental. O noso galego é prático, é direto e, sobre todo, é cariñoso ata cando insulta. Ou hai algo máis agarimoso que un pai dándolle un bico ao fillo e dicíndolle: «Ai, que rapaz máis caralludo me saíu!»

A tecnoloxía e a aldea.- Hoxe en día todo cambia moi rápido. Agora todos andamos co ghuasap e coas redes sociais. O outro día contábanme a historia dun veciño, o Manolo do Pazo, que lle regalaron un teléfono deses intelixentes. O home, afeito a falar coas mans e berrando de leira a leira, non se daba co aparello.

Un día mandoulle un audio á súa filla que vive en Vigo. O Manolo quería dicirlle que a porca parira sete leitóns, pero o corretor do teléfono, que debeu ser programado por un que non pisou unha bosta na súa vida, cambioulle leitóns por lectores. A filla chamouno asustada: «Papá, como é iso de que a porca ten sete lectores? Que lles estás dando de comer, o xornal?». E o Manolo, coa súa retranca, respondeulle: «Non filla, é que saíron moi ilustrados e non queren fariña, queren a ghalipedia!».

Vedes, o noso galego enténdese ata cando a máquina se trabuca, porque o que importa é o sentido, a intención e a risa que nos bota fóra.

A importancia de falar como somos.- Defender o noso galego non é pecharse en banda. É saber que cando dicimos miñocaluscofusco ou fodichón, estamos usando palabras que teñen séculos de historia e que saben a terra mollada. Non teñamos medo a «meter a pata» ou a que digan que falamos mal. Falamos como somos.

Moitas veces, na cidade, din que o noso galego é gheadeiro ou que ten seseo. Pois claro que si! É a música da nosa costa e dos nosos montes. Un galego sen gheada é como un caldo sen unto: pódese comer, pero fáltalle a graza, fáltalle ese sabor que che quenta o corpo nos días de frío.

O médico e a vella Lémbrome tamén daquela señora, a Sra. Carme, que foi ao médico novo que mandaron de Madrid. O rapaz, moi xeitoso pero que non entendía nin papa de galego, preguntoulle:

—¿Y dígame, señora Carme, qué es lo que siente usted?

E a Carme, tocándose o estómago, díxolle:

—Ai, filliño, teño un fervedoiro aquí no buche que non me deixa parar, e síntome toda esmorgada, coma se me pasara un carro de bois por riba.

O médico quedou mirando para ela coma se fose un extraterrestre. Colleu o dicionario, buscou e non atopou nada. Ao final, a Carme, perdendo a paciencia, espetoulle:

—Mira, meu ben, se non sabes o que é un fervedoiro, mellor vai estudar a veterinaria, porque as persoas da aldea falamos así dende que o mundo é mundo.

E tiña razón a Carme! A nosa lingua é a mellor medicina porque nos permite dicir exactamente o que nos doe e onde nos doe.

O futuro da nosa fala.- Ás veces vexo que os novos teñen vergoña de falar como os vellos. Falan ese galego de laboratorio que soa a tradución de Google. Eu pídolles que escoiten aos seus avós. Que aprendan que unha andrómena non é un trasto calquera, e que estar amoucado é moito máis profundo que estar triste.

O galego da aldea é un tesouro. É a lingua da resistencia. É a lingua que sobreviviu sen leis, só coa forza da xente que non quería calar. Por iso, hoxe pídovos que non o deixedes morrer. Faládeo cos nenos, faládeo cos cans, faládeo ata coas pedras se fai falta. Porque mentres haxa un galego dicindo «bueno, vaise indo», Galicia seguirá viva.

Conclusión e brinde.- Hoxe non estamos aquí para dar clases de gramática. Estamos aquí para celebrar que somos unha comunidade, que somos veciños e que temos a sorte de vivir nun lugar onde a palabra aínda ten valor de lei.

Imos gozar destas festas. Imos comer, imos beber (con sentidiño, ou sen el, que para iso é festa), e imos falar moito. Que se escoite o noso galego forte, que chegue ata o cumio do monte máis alto. Que ninguén nos diga como temos que falar, porque a nosa lingua é nosa, e ninguén a sabe bailar como nós.

Así que, veciños, por todos vós, polos que están e polos que xa non están pero que nos deixaron estas palabras na boca: Que viva a nosa aldea! Que viva o noso galego! E que empece a festa! Moitas grazas a todos. 

Visitas: 0

O ECO

Ela borrou as súas fotos, as súas mensaxes, os seus rastros. Eliminou cada pegada dixital como quen varre unha casa baleira. Pero non puido borrar o eco da súa voz, que aínda vivía nas paredes, nos recunchos onde adoitaba rir, nos silencios que agora pesaban máis ca calquera recordo. O esquecemento non sempre é total.

Visitas: 0

A MIÑA TRISTEZA…

…por ter o corazón esgazado, por tantas soidades que me turran sen piedade, por esgotar a miña vida en amores non correspondidos, por determe a contar estrelas mentres soño con aquel verán inesquecible, por gardar na memoria os abrazos que xa non volven, por buscar a túa sombra en cada recuncho do camiño, por encher os petos de ilusións que o tempo foi baleirando, por vivir máis dos recordos ca das certezas, por seguir agardando o que quizais nunca chegue, por deixarme levar pola melancolía das tardes sen nome, por todo e por nada, por ti e por min, por aquilo que fomos e por aquilo que nunca chegamos a ser.

Visitas: 0

OS MEUS VERSOS

Escribir sempre foi, para min, unha forma de estar só sen estalo do todo. Os meus poemas nacen da necesidade de dicir o que calo, de mirar o que evito, de poñer palabras ao que doe, ao que permanece e ao que nunca volveu. Non busco comodidade. Non hai frases fáciles nin beleza impostada. Hai preguntas, feridas, desexos, silencios longos. Falo do amor, pero non do perfecto. Falo do que chega tarde, do que se rompe, do que queda a medias.

Falo da muller como presenza real: complexa, contraditoria, luminosa e escura. Falo da soidade, da escollida e da imposta. Porque ás veces non é estar só, senón non poder dicir o importante. Falo do tempo. Do que leva e do que deixa. E sobre todo, escribo con sinceridade. Espirme non é quitar a roupa. É dicir a verdade. 

Visitas: 0

SEN TI

A maleza que medra en min desde que marchaches está chea de animais indómitos e xeroglíficos imposibles. Xa non estás comigo, e o que parecía un home pleno converteuse nun esperpento, nun museo de debilidades. Aquela conversa na distancia segue na miña memoria, espíndome por dentro cada vez que noto a túa ausencia. Deixaches o meu presente tan espido, tan seco, que á miña habitación só veñen morcegos e vermes precociñados.

Visitas: 0

O AMOR

Agochase nos poros da miña pel, nos pregues da memoria, na respiración lenta das madrugadas. Queda nas cousas pequenas: unha palabra dita en silencio, unha canción que xa non escoito, a forma en que o teu nome se acomodaba na miña boca. O «nós» non sobreviviu. Quedan fragmentos. Po. Restos dunha historia que agora camiñan separados. E aquí estou. Habitando un corpo que aínda sabe quererte, aínda que xa non teña onde facelo. Ás veces pregúntome se o amor remata realmente… ou se simplemente aprende outra maneira de quedar so. 

Visitas: 0

A MIÑA MAN

A miña memoria lembra o que o amor esquece. Por iso algunhas noites esperto coa sensación de que aínda estás aquí. Non no cuarto daquel hotel suado, senón nun lugar máis fondo, onde a pel garda os hábitos antigos. Hai xestos que sobreviven á despedida. A miña man sabe que o espazo que ocupabas agora é territorio sen dono. Non entende de finais. Só avanza, coa paciencia cega de quen amou demasiado tempo. Ás veces penso que o amor non desaparece. Só cambia de lugar. 

Visitas: 0

ESPIDO

Espido de todo preséntome ante ti. Mellor dito, ante o teu recordo. Ese réptil velenoso que adula a miña memoria cunha festa inhumana de lascivas soidades. Trema todo o meu corpo nunha obscena neglixencia. Percorro co pensamento toda a túa epiderme e volvo tremer, esta vez con máis intensidade. Cada poro da túa pel é unha dor libertina que me devora nesta soidade escollida por min. Velo? Lembro que me dixeches o primeiro día que nos vimos que a túa pel era seda. E o último. Quixen recuperarte coa torpeza dun neno montando un xoguete. E ti, no limiar da porta, deches media volta: —Ata nunca. 

Visitas: 0

FERIDA

Xorda. Si. Así é. Non se escoita. Non se ve. Pero séntese. É fonda coma unha sima oceánica. A dor zumega coma a lava dun volcán que destrúe todo ao seu paso. É intensa. Como unha praga que castiga a inocencia e deambula polo meu interior como un fantasma con esputos na alma.

Este salivazo emocional prostitúe os meus sentidos e déixame exhausto tras ler os teus ollos. Si, eses que se cravan no meu corazón indolente na procura dunha muller que me abrace con sangue de pracer sinfónico. 

Visitas: 0

VERÁN

Durante a miña primeira adolescencia fun feliz e daquela non o sabía. A culpa —ou o milagre— foi dunha rapaza que aínda lembro: Maite. Non sei se chegou a entender o efecto que provocaba ao achegarse, ao rir, ao mirarme coma se o mundo fose algo sinxelo que se podía compartir.

Foi ela quen me espertou. Quen me sacou do recuncho tímido onde os rapaces adoitan agocharse cando o corpo comeza a cambiar e todo parece demasiado novo.

Ao seu carón o medo non tiña demasiado espazo. As palabras saían cunha naturalidade que despois tardaría anos en volver atopar. Eu falaba, camiñaba, mesmo soñaba cunha levidade que agora me parece case irreal.

Non ocorreu nada extraordinario. Non houbo grandes promesas nin xestos memorables. Só a sensación limpa de que unha rapaza podía mirarme e atopar en min algo suficiente.

E así descubrimos os nosos corpos. E durante un tempo —breve, luminoso— eu tamén o crin. 

Visitas: 0

IMAXINADO

O amor imaxinado é un refuxio xélido, pero non pode ser rexeitado por ninguén. E así fun acumulando invernos baleiros e fríos. Ata que un día aprendín a estar so e  entendín algo: cada novo inverno fai máis longo a ferida da soidade. E ás veces abonda a curación dunha pequena chaga para que o xeo comece a derreterse. 

Visitas: 0

SOMOS

Estes poemas que estou a escribir son unha forma de quedarmos en silencio fronte ao que somos cando ninguén nos mira. Ti e máis eu somos unha resposta á envexa dos homes e mulleres que só ven nos seus corpos unha pel espida e non quen de veren a infelicidade humana.

Escribir do que somos é iso: escoitar o que queda cando todo cala, cando os corpos espidos rematan o pracer e vístense de sentimentos. 

Visitas: 0

E DÁLLE

Circunloquio da necidade. Disme que son unha mentira. Que reconstruín un pasado inexistente. E eu pregúntoche: lembras cando che pedía un compromiso? E ti respondías sempre igual: liberdade intocable. E eu dicíache: as relacións deben avanzar. E ti: as relacións precipitadas morren. E eu: quen dixo iso? E ti… silencio. E outra vez: e dálle. 

Visitas: 0

O TEU NOME

O día que esqueza o teu nome terei que empezar a preocuparme.

Habita en min desde a adolescencia. Fundiuse coa miña pel nunha unión que parecía imperecedoira, pero a miña inmaturidade reduciuna a cinzas.

Poderei esquecer o meu traballo, o meu libro favorito, as cancións de Enrique Urquijo, o pulso da miña vida…

Pero o día que esqueza o teu nome deixarei de ter unha razón para vivir. 

Visitas: 0

RADIOGRAFÍA DUN INSTANTE

Alma desnutrida por unha carencia absoluta de vida e predestinada a un final de corpos espidos que ninguén sabe cal é.

Espiñazo carente de sensacións. Paradoxo ancorado no xardín da miña infancia. Latexos que revelan destrución e impotencia. Leito de anxos de cinza. Alma de violetas clandestinas.

Rosas negras que me invitan a morrer nun almorzo de ferintes soidades e noites que me castigan a un insomnio de corvos nas fiestras. 

Visitas: 0

TIVEN UN MAL SOÑO

Tiven un mal soño. Rompía todas as túas fotos, todas as túas cartas, todas as túas cancións, todos os teus recordos. E espertaba baleiro de memoria, como un vello pobre, tras décadas vividas na túa ausencia, coas mans cheas de bágoas. Era incapaz de incorporarme na cama. A túa ausencia pesaba coma un corpo morto. Pero intenteino de novo. Por ti loito ata a extenuación, berraba na miña soidade desesperada.

Nos meus soños, o teu rostro mostraba un sorriso amarelo, de tempos remotos… aqueles nos que fomos felices.

—Equivócaste, José María. Nunca fomos felices.

—Vivimos unha historia fermosa…

—Pero imposible desde o principio.

E sigo sen verte desde hai… 

Visitas: 0

DESDE QUE NON FALAMOS…

…tornáronse bisestos todos os anos.

Desde que non falamos entumecéronse os meus sentimentos coma se executase unha pirueta emocional alardeando dunha seguridade que non habita en min desde que me deixaches.

Desde que non falamos, os subterfuxios da inmisericordia cóspenme culpas e responsabilidades que xa non sei como asumir.

Desde que non falamos, un anxo caído nocturno invítame a unha cerimonia de praceres solitarios que doen como alimarias, e que me enredan nun egoísmo onírico que coloca o meu alborozo nunha saudade tan punzante que me impide actuar con xenerosidade.

Entón, na miña circunstancia ególatra, volátil e nada elegante, ti sorrís, arroupas a miña man e cóbresme de bicos inexistentes. E adormezo acubillado por unha ingratitude lacerante. 

Visitas: 0

A MIÑA POESÍA E OLALLA

En 1995, cando publiquei o libro de poemas De onde nace a miña voz, de ton moi persoal, era un non tan novo aprendiz de poeta. Tan descoñecido como na actualidade. O poeta José Félix Olalla tivo a xenerosidade de escribir o prólogo do meu libro. Eu era entón outra persoa, ou quizais a mesma con moitos menos anos, menos lecturas e menos conciencia do tempo, pero igual de tímido e reservado. El xa era por entón un poeta con voz propia e cun camiño percorrido. Autor de varios poemarios como Ciudad pasajera, que foi recoñecido pola súa calidade nada máis ser publicado en 1981. Logo viñeron, entre outros, Los pies del mensajero, Después de nosotros ou, o último creo, Más amor si más hubiera. Aínda así, aceptou acompañar aqueles poemas meus coas súas palabras, como quen se detén un intre a iluminar o comezo do camiño doutro.

Co paso dos anos comprendín mellor o que significa ese xesto. Un prólogo non é só un texto que abre un libro: é tamén unha forma de confianza, unha maneira de prestar a propia voz para que outro comece a atopar a súa na intemperie da páxina.

Agora, mentres reviso, ordeno e refago moitos anos da miña propia poesía, volvo tamén a aquelas palabras súas. E desde esta distancia, que xa non é só de tempo senón tamén de vida e de escritura, todo adquire un significado máis fondo. Hai xestos cuxa verdadeira dimensión só aparece cando os anos pasaron e un mira cara atrás con outra luz.

Quero deixar aquí ese prólogo como quen abre unha porta antiga, con respecto, con memoria e cunha gratitude que o tempo non fixo senón agrandar.

ANTES DE CRUZAR O PÓRTICO (JOSÉ FÉLIX OLALLA)

Se tomásemos a vella comparación da vida humana co curso dos ríos, o mero título deste libro faría referencia ás fontes, á rocha nai da que brota o manancial e por iso, igual que acontece nos mananciais, os poemas aquí acórtanse e os versos adelgazan bruscamente na axilidade das torrenteiras. O que se quere dicir dirase en adiante só con pinceladas, cos trazos esenciais que non se verten noutros leitos máis anchos, propios dun estado anímico diferente.

De onde nace a miña voz é o segundo elo na cadea literaria de José María Máiz Togores, mestre e licenciado en Filoloxía Hispánica, que ten o privilexio de poder traballar nunha tarefa vinculada directamente á súa paixón polas letras. Hai un ano apareceu en Madrid o seu primeiro libro Ya no es duda nun rexistro diverso do actual, como se pretendese antes que nada liberar as urxencias dun corazón abatido e como se agora retomase tranquilamente os pasos polo principio.

Así, antes de comezar hai que atravesar un pórtico, unha poética que Máiz

escribe como aviso para camiñantes, innecesario quizais para os máis atentos, pero esclarecedor para os que non leron a súa obra anterior.

Con leves e significativas diferenzas, o asunto deste pórtico repetirase no poema La historia de mi vida e mediante unha superposición comprenderemos que o anhelo por un texto perfecto (vida literaria) é equivalente ao anhelo por unha mirada (vida real) e que a necesidade de escribir o é ao pranto ou talvez á devoción, pois a natureza do artista participa seguramente dos dous materiais. Do valor simbólico da mirada, como pequeno vestixio de «eros», volverase falar no poema Pasado y presente e doutros atributos polos que tamén se dá a coñecer o amor (a voz, o nome, a pel) darase conta noutros lugares.

Aí, na páxina de arranque, están as que Máiz denomina as súas tres ideas básicas: a existencia, o amor e a soidade, que, no retiro do seu cuarto, a través da tarefa do ourive, irán atopando a súa síntese. Pero como xa acontecía no seu libro anterior, será a noite o asunto recorrente. A noite porque quizais nela, liberado xa do traballo e das tarefas que diariamente o reclaman, José María atopa a soidade para reflexionar, o amor para soñar e a existencia para poder ser. Se os sentidos permanecen abertos e se sobrepoñen ao cansazo, Máiz sabe que é na noite interior onde poderá buscar a plenitude das súas tres dimensións.

Por conseguinte, atopámonos cunha colección de poemas curtos que ás veces se achegan ao haiku constituídos acaso por unha soa frase —véxanse os poemas Invitación ou Si la rosa— ou por dúas oracións brillantes, contrapostas, coa rima apuntada, como sucede nos poemas titulados Incienso ou Declaración. Todos eles están escritos cun mesmo ton emocional que dá unidade ao libro e que sen dúbida é testemuño dun período concreto, con perfís notablemente marcados, na evolución de Máiz Togores.

Educadamente, eu diría que timidamente, estala ás veces un ton delicado de queixa, como un breve lamento, un pouco á maneira da malograda poetisa italiana Antonia Pozzi: Estou en desvantaxe co mundo —dirá Máiz— e noutro lugar, cando o amencer non resolvese a carga pesada do insomnio, escribirase en voz alta: Todo é confuso. Con todo, tamén se afirmará en ton de proclama quero ser feliz neste lado da terra, pero o seu optimismo será circunstancial.

Porque neste libro non se quere ocultar o eu persoal, senón transparentalo, medirme cara a cara coa pluma que escribe a miña historia, nun combate sen refuxios, aínda que estes sexan lexítimos e ata convenientes na creación literaria. Foi Gerardo Diego quen explicou que a función social do poeta consistía precisamente en interpretar para os demais o ser profundo, o núcleo medular da existencia. Foron moitos os que falaron daquela da xenerosidade e ata da nudez do artista e outros os que acentuaron a necesidade de escribir para atenuar o curso do tempo.

Aínda que Máiz pretendeu sempre elaborar unha poesía pura, allea a modos literarios e desprovista de referencias culturais, neste libro inclúense —o que é novidade— dous poemas de asunto mitolóxico dedicados a dúas conspicuas ninfas perseguidas por Apolo; Dafne, metamorfoseada en loureiro, e Castalia, afogada na fonte á que deu nome. Ningún destes dous poemas escapará, non obstante, da referencia persoal. E no caso do segundo non o será pola busca de inspiración (á fonte do Parnaso ían os poetas beber) senón máis ben pola pulsión primitiva do fillo de Zeus.

En fin, rematada esta frugal refección, atadas as sandalias e ben suxeito o bordón do peregrino, dispoñámonos a atravesar xa o pórtico de onde nace a voz clara deste poeta compostelán. (José Félix Olalla) 

Visitas: 0

UNHA BARRIGA CERVEXEIRA

Defensa da barriga cervexeira atacando aos que, téndoa, se burlan de min.

Dicides moitas cousas da miña barriga, con esa facilidade que dá falar do alleo cando o xuízo vai xusto de equipaxe. Recreádesvos sinalando, ampliando o defecto coma se fose unha fazaña, e porén pasades de longo ante o evidente: o voso tamén está aí, ben alimentado, coidadosamente disimulado baixo capas de escusas e posturas estudadas. Tedes o espello diante, pero preferides usalo como decoración. Cada quen véndese como delgado por convicción, mentres agocha o seu pequeno tonel cunha dignidade bastante fráxil.

A diferenza é sinxela e, a estas alturas, case elegante: a miña non se agocha. Preséntase sen rodeos, sen esa hipocrisía tan traballada que vos gusta cultivar. É redonda, si, pero tamén honesta; froito de momentos gozados e non de negacións impostadas. En cambio, a vosa vive nese terreo incómodo entre a envexa e a negación: nin se permite o pracer nin ten o valor de admitilo. Unha especie de virtude fantasma que se esvae en canto aparece unha copa e deixa ao descuberto todo o teatro.

Así que talvez conviría baixar un pouco o ton. Porque ao final, exposta ao sol e sen disfraces, a miña barriga ten algo que a vosa non alcanza: coherencia. E, sobre todo, unha tranquilidade que non depende de finxir fame para parecer mellor. 

Visitas: 0

OUTRA BARRIGA CERVEXEIRA

En defensa da barriga cervexeira cun ataque aos que se burlan de min.

Teño barriga, si, e non é ningún accidente nin descoido vergoñento. Está aí porque foi cultivada con constancia, cunha devoción case artística, a base de brindar, repetir e celebrar. Nada desa preguiza que tanto vos gusta imaxinar nin de excesos grotescos; o meu ten máis que ver cunha fidelidade alegre á escuma e ao momento compartido. Mentres outros se empeñan en comprimirse en moldes estreitos, tensando o ventre coma se a vida fose unha competición de sequidade, eu levo esta curva con certa dignidade, como quen acepta que a cebada tamén deixa pegada… e que pegada.

Porque non, non é unha simple barriga. É máis ben unha especie de arquivo vivente, un escudo dourado onde quedaron rexistradas as pequenas vitorias de cada rolda, cada conversa longa, cada risa que se alongou máis do debido. E aí segue, resistindo ao tempo cunha serenidade que xa quixeran moitos. Así que adiante, criticade se queredes, vós, os enxoitos, os disciplinados ata o bocexo. Contade a vosa historia de privacións. Eu, mentres tanto, permítome o luxo de rir sen présa, con amplitude… e de seguir brindando por esta gloriosa redondez. 

Visitas: 0

A ILUSIÓN AMOROSA

Onte naciches na miña memoria, espida, sen forma nin defensa, e despois chegaron as quimeras a cubrirte, a inventarte unha pel que non era do todo túa. No medio desa invención, o meu corazón —afeito á penumbra— atopou na túa luz non unha certeza, senón unha dúbida persistente, case luminosa.

Crin en ti cunha fe amarga, calada, obstinada, coma se cada latexar fose un elo invisible que me ataba a unha primavera que nunca acababa de chegar.

Agora pídoche que non perturbes máis o que en min aínda tenta ser verdadeiro, porque hai unha parte da miña alma que xa se recoñece soa, coma se enviuvara de algo que nunca chegou a posuír do todo. 

Visitas: 0

DÍAS

Hai días nos que o pasado regresa sen facer ruído, como un mal soño que se desliza pola penumbra da mañá. Non chama á porta nin anuncia a súa chegada. Simplemente aparece e senta ao meu lado como se nunca marchara.

Mírame en silencio e agarda. E nese silencio as horas vólvense lentas, coma se o tempo dubidase. Entón a memoria abre as súas fiestras e regresan os rostros, as palabras esquecidas, a luz tenue do que fomos. 

Visitas: 0

CHARLA

Unha charla calquera é o corredor dun vertixe indescritible. O meu presente móstrase absolutamente espido e á miña memoria só acoden habitacións de hotel deshabitadas. Lámpadas acesas para ninguén, cortinas que nunca abrín, vasos cun resto de auga morna ao pé dunha cama impersoal. Mentres falo, sinto ás palabras sosténdome apenas, como táboas húmidas sobre un pozo sen fondo. O outro sorrí, pregunta, continúa a conversa, pero eu xa estou noutro sitio: nun corredor interminable, escoitando portas pecharse ao lonxe. Hai conversacións que non unen a ninguén. Só fan máis visible o eco.

Visitas: 0

ACTOR

Ás veces penso que vivo coma se camiñase sobre un escenario invisible. Cada día deseño un xesto, unha voz, unha maneira de mirar o mundo, e saio representar un papel. Non sempre é unha mentira; moitas veces é simplemente a forma na que aprendo a convivir cos demais.

No traballo interpreto seguridade; na familia, tenrura; e diante dos descoñecidos, prudencia. Pero detrás de cada máscara hai algo verdadeiro que respira en min. Finxir, ás veces, non é enganar: é protexer o que aínda non sei como mostrar.

Son un actor, si, pero tamén son o autor do guión que vou escribindo con cada decisión, con cada vivencia. Quizais a miña sinceridade non consista en non actuar nunca, senón en non esquecer quen son cando baixa o pano.

E quizais a miña vida sexa precisamente iso: unha obra imperfecta onde, entre papel e papel, busco o instante no que por fin deixo de representar e simplemente son. 

Visitas: 0

MEMORIA

A memoria, filla bastarda da verdade, rara vez me visita cando a clarividencia se apodera de min. Aparece como un rastro, como algo que permanece cando o tempo xa pasou. É caprichosa: garda o que quere, esquece o que debería lembrar. Estes poemas nacen dese territorio incerto. Non queren reconstruír nada. Son fragmentos. Instantes suspendidos. Porque a memoria, no fondo, é iso: non lume… senón cinza que aínda conserva calor. 

Visitas: 0

DIAPASÓN

Carezo de diapasón. Nunca souben o valor dunha boa afinación. Pero sigo buscándoa, porque sei que sen ela non podo ser quen quero ser. Ás veces confundo ruído con rumbo, e silencio con paz. Vou ás apalpadas, tentando recoñecer a nota exacta que me devolva a min mesmo. Quizais vivir sexa isto: desafinar ata aprender a escoitarse. 

Visitas: 0

AQUEL SUOR

Aínda habita en min. Aquel hotel. Aquel día tórrido dun Madrid oitenteiro con ínfulas de europeo apesarado. Puxen os meus beizos nunha gota de suor que percorría a túa pel. E ti apartácheste. —Es repugnante— sentenciaches. E eu quedei suspendido naquela cama, gardando para sempre o sabor daquela despedida. 

Visitas: 0

QUEN SON?

O meu nome pesa como a madeira mollada. Como un bosque que non se ve enteiro, pero se sente arredor. Nacín varias veces. A primeira, nunha casa onde o silencio non era distancia, senón unha maneira torpe de querer. A segunda, cando entendín que amar non era unha emoción, senón unha forma de mirar o mundo. Por fóra parezo contido. Por dentro, ardo amodo. Non sei amar a medias. 

Visitas: 0

LIMIAR DE «CANDO CHOVE POR DENTRO»

Escribir foi sempre, para min, unha forma de quedar a soas sen estalo do todo. Unha maneira de ordenar o ruído, de entender o que me pasa, de dicir o que case nunca digo en voz alta. Este libro nace precisamente de aí: da necesidade de poñer palabras a todo o vivido, ao perdido, ao que doeu, ao que salvou, ao que aínda permanece cando xa case todo cambiou.

Cando chove por dentro non é un libro escrito nun momento concreto, senón ao longo de moitos anos. Aquí hai textos que naceron en 1994 e outros que foron escritos hai moi pouco. Entre uns e outros hai unha vida enteira: decisións, erros, amores, despedidas, cidades, noites longas, silencios, aprendizaxes e moitas preguntas sen resposta. Este libro é, no fondo, un percorrido por todas esas versións de min que fun ao longo do tempo.

Non é un lugar cómodo. Tampouco pretende selo. Aquí non hai moraleixas nin frases escritas para quedar ben. Aquí hai recordos, feridas, desexos, nostalxias, ausencias, pensamentos que chegan de madrugada cando un xa non pode mentirse. Hai verdades pequenas, dúbidas grandes e emocións que non sempre souben explicar cando aconteceron, pero que cos anos atoparon o seu lugar nas palabras.

Aquí falo do amor, pero non do amor perfecto. Falo do amor que chega tarde, do que se rompe, do que queda a medias, do que un lembra durante anos sen saber exactamente por que. Do amor que salva e do que destrúe. Do amor que non foi e do que foi demasiado. Porque se algo ensina o tempo é que o amor nunca é sinxelo e case nunca se esquece do todo.

Tamén falo da muller, non como idea nin como símbolo, senón como presenza real na vida: complexa, contraditoria, luminosa e escura ao mesmo tempo. A muller como recordo, como ausencia, como refuxio, como erro, como destino ou como casualidade. A muller como unha das forzas que máis cambian unha vida sen pedir permiso.

Falo da soidade, esa compañeira que todos coñecemos, aínda que poucas veces a nomeemos. A soidade elixida e a soidade imposta. A soidade que pesa e a que libera. A soidade das cidades cheas de xente e a das habitacións en silencio. Porque hai momentos na vida nos que un descobre que a soidade non é estar sen ninguén, senón non poder contarlle a alguén o que de verdade importa.

Falo do paso do tempo, inevitable, silencioso, constante. O tempo que leva persoas, lugares e versións de nós mesmos. O tempo que converte todo en recordo. O tempo que ensina que case nada era tan importante como parecía e que case todo era máis importante do que críamos.

Falo do desamor, do rexeitamento, da memoria e da nostalxia. Nostalxia polo que fun, polo que non fun, polo que puiden ser e non foi. Nostalxia por épocas nas que non sabía que era feliz. Nostalxia por conversas, por rúas, por cancións, por miradas que non volveron repetirse.

Pero, sobre todo, este libro é un lugar de sinceridade. De sinceridade incómoda ás veces. De pensamentos sen maquillaxe. De emocións sen corrixir. De palabras escritas sen intentar gustar, sen intentar ter razón, sen intentar parecer outra persoa.

Espirse non é só quitarse a roupa. Espirse é dicir o que un pensa de verdade. É recoñecer os medos, as inseguridades, os erros, os recordos que aínda doen e as persoas que aínda importan, aínda que xa non estean. Espirse é aceptar que todos estamos feitos de recordos, de feridas, de decisións equivocadas e de momentos que nos cambiaron sen avisar.

As cinzas aparecen cando algo ardeu. E todos, se vivimos o suficiente, acabamos tendo cinzas: de relacións, de soños, de versións de nós mesmos, de promesas, de lugares aos que non volvemos, de persoas que xa non están. Vivir tamén é aprender a camiñar entre esas cinzas sen deixar de avanzar.

Este libro non pretende ensinar nada nin dar leccións. Só pretende escribir. Escribir para entender. Escribir para lembrar. Escribir para esquecer. Escribir porque hai cousas que só existen de verdade cando se poñen en palabras.

Quizais quen lea estas páxinas se recoñeza nalgunhas liñas. Quizais non. Pero se algunha vez alguén, ao ler algo deste libro, pensa «isto tamén me pasou a min», entón todo terá tido sentido.

Porque ao final todos compartimos máis do que cremos: o amor, a perda, o medo ao paso do tempo, a necesidade de que alguén nos entenda, a nostalxia polo que xa non existe e esa estraña sensación de que a vida pasa moi rápido mentres intentamos comprendela.

Isto é Cando chove por dentro. Un lugar para escribir sen agocharse. Un lugar para lembrar. Un lugar para perderse. Un lugar para dicir o que normalmente non se di.

E, sobre todo, un lugar para quedar a soas coas palabras e descubrir que queda de nós cando todo o demais se apaga. 

Visitas: 0