UMBRAL Ó LIBRO XEOGRAFÍA DA AUSENCIA (2005) DE XOSÉ MARÍA MÁIZ TOGORES DO ALCALDE DAQUELA ODÓN C. COBAS GARCÍA

Cando hai uns cantos meses caeron nas miñas mans os artigos de Xosé María Máiz Togores, o seu apelido fixo que a miña memoria viaxa­ra a uns tempos para moitos de vós moi afastados.
Este home é neto, fillo e sobriño dos membros dunha familia moi vencellada durante anos a un lugar deste concello, o lugar do Burgo. Cando os irmáns Máiz venderon a Casa Grande, sita nese mesmo lugar, hai xa case trinta anos, máis dun pensou que todo finaría na memoria deses homes. O tempo fixo que iso non fora certo, pois, inda que case en doses «homeopáticas», algúns deles non deixaron de vir por aquí ata que morreron.
Pensaredes en como un home pode volver a súa cachola cara a este lugar despois de tantos anos. Como veredes no seu prólogo, iso é o que ten esta terra, que ninguén a esquece, e que cando un home ole o seu recendo, nalgún momento da vida, ese home, de seguro, ten que tornar. E este madrigalego fíxoo en silencio durante moitos anos, ata que o seu libro «estoupou» nas miñas mans.
Daquela, cando o equipo de goberno decidiu quitar do prelo esta Xeografía da ausencia fixérao pensando en que os cidadáns deste conce­llo coñeceran polo miúdo como vive un galego en Madrid en galego. Penso, pensamos, que é de recibo darvos a oportunidade de coñecer e gozar coas palabras e as historias deste namorado de Vedra, da comarca de Compostela, do Pico Sacro e do seu entorno.
Para rematar quero que escoitedes os versos do compostelán, inda que finara en San Mamede de Ribadulla, Benito Losada Astray (1824-1891). Este médico e militar liberal, coñecido poeta romántico, compuxo un significativo poema «Al Pico Sacro» (exemplo idóneo de poema glorioso e heroico da época) e outros libros como Cantiñas d’a terra e Soazes d’un vello. Neste último, publicado no ano 1886, expón unha clara manifestación en defensa da lingua galega.
O SON DA GAITA
/…/
Toca en fías e espadelas,
en festas, en foliadas,
na misa grande da igresia
e a procesión, cando saila.
Toca, que cando te escoitan,
a seu modo te acompañan
co-os seus atruxol-os mozos,
repinicando as campanas;
os paxaros co-os seus tríos,
có seu murmurar as augas,
e o seu roxir manso as follas,
que bican as frescas auras.
/…/
Grazas a todos.
O alcalde-presidente
Asinado Odón C. Cobas García

Visitas: 2