SÍLABAS INVERNAIS

Teño as mans entumecidas polo frío. Quixera aniñar esta última fatiga no retiro dun cristal sempre amarelo. Entón arrebataríalle á rosa o seu aroma e debuxaría coa miña saliva de dozuras e paixóns unha estrela. Teño as mans entumecidas polo frío. Quixera escribir o meu último verso nun novo horizonte de vertixinosas dunas e fértiles silencios. Entón rebelaríase o perfil do meu pulso e desterraría da miña voz este enxame de quimeras e consolos. Lembrádeo. Teño as mans entumecidas polo frío.

Visitas: 0