PRAZA DO TOURAL

Nesta mañanciña Santiago cheira moi ben. Cheira a avelaíñas nun camiño de estrelas, e a primavera de augas soberbias, cheira ó resollo do sacro incenso e a un ventiño fresco preto de lendas certas. Coma un mañoso artesán brune o silencio das rúas orballadas, e a súa tea de liño puro recendos de cinsa no aire espolvorexa. As vetustas campás do ceo tanxen unha sinfonía de pedra! Santiago, lévoche na bermella candea do meu pensamento, lévoche na faceira rubia  que sanea o sangue do meu peito.  Santiago, aseméllome a un esmoleiro  espallado de melancolía; Santiago, recollo neste celeiro lugar unha seitura de gardenias  e un manoxo de paz. Santiago, gárdoche no meu colo, quentando o meu baldío espírito co frugal calor do niño do teu xantar.

Visitas: 0