POÉTICA

A historia da miña poesía iniciouse un día no que, subitamente, se cegou o meu peito e a necesidade de escribir encheu a miña palabra. Baixo este ceo azul levo un cúmulo de anos clamando por un poemario que satisfaga as miñas catro ideas básicas: existencia, soidade, amor e terra. Desde entón, entre clamor e clamor, entre sombra e sombra, unha chispa eléctrica ilumina as sequidades da miña alma e prende as tebras do meu corpo, e desde entón, cativo dunha ilusión, e no retiro do meu cuarto, boto, imaxino, modelo, escribo, corrixo e rompo con plena consciencia centos de versos.
Sinceramente, penso que os catro elementos básicos da miña poesía fúndense nun poema cando, no xa non breve camiño da miña vida, unha mirada detén unha vez máis o pulso da miña historia.

Visitas: 0