A CRUZ DOS FARRAPOS

Onte, cando os homes chegaban a ti cheos de suor e sucidade acumulada, ti eras o esteo dos seus bandallos. Eras o tenro aloumiño dos que ían a Compostela, recanto de almas afastadas. Dende o cume da catedral orientábaos no seu lento chegar cara ao sepulcro do Apóstolo Santiago. Homes fartos dunha inesgotable viaxe polos camiños da ruta xacobea, mais en todo momento ateigados de ledicia e xúbilo. No teu corpo de ferro colocaban os seus farrapos aqueles peregrinos do medievo, e ti eras o primeiro que escoitaba os seus queixumes. Falábanche das aventuras dun riguroso percorrido, e as súas almas choraban no teu ferruxento colo bágoas dunha suor ateigada de rexa fe. Endexamais durmías soa; sempre había alguén que che ofrecía unha acolledora conversa, e ti recompoñías a súa quebrada dor con mans de reconstituínte agarimo. Tiñas a virtude de lubricar as almas dos homes que chegaban a ti esgotados e case amortallados. E ti sorrías, amiguiña mágoa; e ti sorrías ante as verbas de gratitude deses humildes homes.

Hoxe xa ninguén che fala. Todos os homes chegan a Compostela sen ver o teu agasalleiro perfil, sen coñecer o que ti representas na historia do Camiño. Tantos anos soportando os cansos farrapos duns homes esborrallados pola canseira da viaxe! Tantos anos, e hoxe só respiras o silencio e o esquecemento! Embaixo dos teus pés, o peregrino actual reza e medita acerca do seu ferinte vivir. Ti escoitas, en absoluto silencio, como o seu corazón latexa fortemente no seu peito, mentres a túa sombra o acubilla caladiñamente.

Tranquila, miña amiga, tranquiliña. Sempre haberá alguén que non te esqueza. Mellor dito, haino de certo. E ese son eu. Dende tempos remotos, cada vez que visito Santiago e percorro as súas inesquecibles rúas, sempre teño un momentiño para sentar fronte a ti, na praza da Quintana. E nese minuto de ledicia contémplote coa fervenza dun fiel amigo.

Ben sabes ti que nunca deixarei de facelo!

Visitas: 0