Escríboche esta carta porque ti non vas entendela, porque nunca chegará ás túas mans, e menos ós teus ollos. Este texto, na lingua de Rosalía de Castro, é unha declaración do meu amor a ti, a unha muller que non existe, pero que eu sei que está na miña mente e que viaxa comigo dende hai moitos anos. Penso que ti ―dada a túa inexistencia― tampouco coñeces o meu blogue, que é a fiestra onde vou colgala para que todo o mundo saiba algo de ti.
Escríboche precisamente por iso: porque non me lerás xamais e, por unha vez, podo permitirme non ser prudente. Non sei se isto é unha carta, unha confesión ou simplemente unha maneira elegante de perder o tempo pensando en ti. Quizais é só un exercicio de covardía: falar cando sei que non haberá resposta. Pero tamén hai algo profundamente honesto nisto, algo limpo, inda que obsceno na súa sinceridade.
Atráeme a túa voz. Non o que dis, senón como o dis. Ese pulso leve, esa forma de deixar as frases a medio camiño, coma se soubeses que alguén —eu— vai completalas por ti. A túa voz queda no aire máis tempo do necesario, e eu quedo nela, atrapado, como quen se demora á mantenta nunha habitación allea só para respirar un pouco máis do que non é seu.
Como non existes, atráeme como ves as cousas da vida. Non porque pense igual ca ti, senón porque, como non podo escoitar as túas respostas, imaxino que es un ser intocable.
Móveste cunha liberdade sen prexuízos que non pides permiso para dubidar nin para contradicir os meus silencios. Hai algo terriblemente sedutor en quen pensa sen coidado, sen esa obsesión por quedar ben. Iso, créeme, é máis erótico ca calquera corpo espido.
E logo está o cheiro da túa pel. Non sei de onde ven esta memoria —quizais a inventei—, pero o teu olor non é doce nin evidente. É un olor discreto, quente, humano. Non se anuncia, descóbrese. E cando o fas, xa é tarde: queda permanente nos meus dedos, na miña roupa, nos meus pensamentos, na miña suada pel que sinte verdadeira envexa dunha dozura tan efervescente cando ti xa non estás.
E logo están os teus ollos, que son cousa distinta. Non miras para agradar, miras para medir. Hai algo case perigoso niso. Cando me miras sinto que me estás lendo, que sabes cousas que eu non dixen, que intúes intencións que eu finxo non ter. Iso incomódame. Iso excítame. Ambas cousas ao mesmo tempo, e non sempre sei distinguir onde acaba unha e comeza a outra.
Podería falar do teu corpo, pero sería fácil, e eu non quero ser factible. Prefiro falar do espazo que ocupas cando entras nun sitio, de como cambian as conversacións, de como o silencio se volve máis denso. Prefiro falar da túa presenza cando xa marchaches, desa maneira tan túa de quedar sen quedar. Hai pensamentos que só me permito contigo, aínda que non os saibas. Pensamentos lentos, quentes, ás veces indecentes. Non describen actos, describen intencións. Desexos que non buscan consumarse, senón existir. porque as veces o máis provocador non é facer, senón imaxinar sen culpa.
Escríboche así, en galego, como quen se espide nun cuarto escuro sabendo que ninguén mira. Ou peor: sabendo que alguén podería mirar, pero non o fará.
Hai algo perversamente fermoso nesa distancia. Non sei se algún día lerás algo meu, se poderás existir para facer iso ou se ti te recoñecerías nalgún dos meus textos. Probablemente non. E está ben así. Este texto non é para ti. É para min, para esta versión de min que se permite desexar sen pedir explicacións. E aínda así, por se acaso, por se algún día —por erro ou por curiosidade— chegas ata aquí: que saibas que houbo alguén que te pensou con atención, con respecto, con ganas. Que te pensou sen tocarte, sen posuírte, sen reducirte a nada máis que ao que xa es. E iso, ás veces, é o máis obsceno de todo.
Visitas: 0