Falar de Vedra resúltame moi difícil ao mesturarse no meu interior tres verbas moi salientábeis: realidade, soño e nostalxia. Realidade, porque na miña infancia foi un lugar de ledicia e acougo para toda a miña familia; soño, porque hai veces que un non sabe ben se o que acorda é froito da súa experiencia ou soamente a consecuencia dun desexo; e nostalxia, por que, cos anos, na miña pel foi espallándose un nidio sentimento de ausencia que a cada pouco fere máis.
A miña familia, pola parte do meu pai, tiña no lugar do Burgo unha casa grande que, tendo en conta os veráns de entón, servía de lugar de repouso durante un longo período de tempo. Tódolos anos iamos pasar alí unha tempada unha morea de curmáns, tíos, pais e avós. Verdade é dicir que ata que non pasan os anos un non aprecia o suficiente o que foron aqueles tempos de verdadeira felicidade. Esa Arcadia galega onde o tempo transcorría dun xeito inocente, ocioso e feliz. Ou ese locus amoenus, ámbito apracíbel e de estilizada beleza que era un compendio de sosego e paz interior.
Alí xoguei cos meus curmáns, alí escoitei o primeiro conto nos beizos dunha boísima muller que se chamaba Consuelo, alí medrou no meu interior a lembranza do meu avó Luís, fel coñecedor da zona, alí almorcei a miña primeira cunca de leite quente con migallas de pan, alí debiquei unhas saborosísimas uvas, sempre antes do xantar, cando dabamos unhas interminábeis camiñadas polas uveiras da finca, alí achegueime por primeira vez á Gloria mentres os meus curmáns volteábanme no bambán artesanal que penduraba da póla dunha rexia árbore, alí soñei co Pico Sacro mentres vía orballar mansamente dende a galería do primeiro andar, alí… Xa está ben, José María, non sexas un inxente xerador de batalliñas!
Por razóns alleas ao puramente literario, nos últimos anos da década dos setenta, a miña familia tivo que vender o predio, e de súpeto quebrou se a miña relación con Vedra. Pasaron anos de ausencias, pero xamais de esquecemento. Foron anos de reviravoltas nos estudos, ele esmorga noutros lugares de Galicia e de aniñar unha crenza de saudade no meu peito. Certo é que nos anos posteriores fun moi poucas veces ás terras do Ulla, pero xa meu pai, e os meus tíos, fixeron moi ben o labor para que non caera no descoido o arrecendo desa terra.
Hai cousa de dez anos, tamén por razóns alleas ao literario, partiuse definitivamente a miña directa relación coas terras de Compostela. As miñas estadías son, dende entón, cousa de días contados, pinguiñas de galeguidade que non saben a ren. Co gallo diso, comezaron a medrar afervoadamente no meu interior varios recordos: o meu humanista avó Luís, o meu paroleiro tío Filoso, as máxicas terras da Amaía, as abraiantes terras do Ulla e o máis fondo sentimento de que alí quedara agochada, nalgunha cova do Pico Sacro, unha parte de min. E comecei a ler, a estudar galego «artesanalmente» e a interesarme dun modo case teimudo ―segundo a miña irmá― pola terra dos meus devanceiros. Pero a loita presentábase moi cruenta porque eu estaba mergullado o noventa e nove por cen do tempo nun ambiente totalmente castelanizado e afastado dos sentires da galeguidade. Sei moi ben que, tras certos sorrisos de persoas moi achegadas a min, había ―e hai!― olladas de receo. Escribir en galego; e, por riba iso, poesía, cousa de tolos e madrugueiros!, pensou daquela máis dun. Pero eu non afrouxei, e seguín loitando coma un titán ata que no ano 1999, cruzouse no meu camiño unha muller, Charo Barba, do CORREO GALEGO de Compostela, que resultara ser o meu pulo definitivo. O día da Almudena dese ano saíu o meu primeiro artigo nesa fiestra de papel ou buraquiño que me prestara a devandita. Alí comezaron os meus primeiros e dubidosos aturuxos; para despois asentarme, grazas á súa confianza, nesa columna que eu chamo actualmente O Chioleiro. Como me dixo hai uns meses o meu actual «xefe» de GALICIA HOXE, Miguel Seoane, podes falar do que queiras con absoluta liberdade. Sen eles, hoxe, eu non sería ninguén.
Os artigos que aparecen nesta recolleita foron saíndo semana a semana durante estes anos no devandito xornal, o único que hai en Galicia na fala de Rosalía e Castelao.
Tódolos textos deste libro teñen en común a humidade das terras do Ulla. Uns, dun xeito directo, falando dalgún aspecto, lugar ou conto que tivera coma referencia esta terra; outros, máis de esguello… aínda que penso que calquera cousa que fale de Galicia, ó cabo e á conta, fala de Vedra e maila súa bisbarra. Quen non ten un cruceiro preto da súa casa (Castalia de pedra), quen non sente no seu interior a dor da saudade (Noutra ourela), quen non quere o mellor para a súa lingua, quen non namorou algunha vez de Uxía Blanco ou quen non escoitou ó serán, nas escuras noites de inverno ou nas chuviosas de verán, este ou aquel conto.
Polas razóns antes expostas por min, sentín unha grandísima ledicia cando o concello de Vedra puxo os ollos na miña obra e decidiu ir a rego levando ó prelo unha escolma das miñas colaboracións literarias. Saber que, grazas ó concello, homes, mulleres e rapaces de aquí e de acolá (pequeniña homenaxe ó mindoniense Cunqueiro, o máis grande fabula dor galega) poderán ler e coñecer a miña obra, éncheme o espírito de ledicia e gratitude. Grazas.
Visitas: 0