Inmobilizada toda a miña fantasía no mexedor do teu esquecemento, síntome irreconciliable coa humanidade e un férvido soño —caduco no teu recordo— converte o meu horizonte nunha ancestral frustración. Só nun cuarto de incenso os meus ollos se pechan cun xesto contrito, mórfica representación dunha quimera inalcanzable. Oxidado o meu sorriso xa nin se pode observar, e a doutrina do infinito revélase ante min absolutamente espida. A febleza arrola as miñas miserias nunha alba onde todo fundamento se torna lóxico arrepío. Latidos sedentos repousan radiantes na miña almofada cando, ausente aquela errática paixón, letais células alcalinas te converteron nun bico sen rostro. E observo como a miña última esperanza se pulveriza no desafío dunha frase: «ninguén, nas túas horas de insomnio, ninguén, che regalará os seus soños».
Visitas: 0